Páxinas

xoves, 15 de decembro de 2022

PARLADOIRO CON ESTHER ESTÉVEZ

Esther Estévez é unha xornalista galega, coñecida como presentadora do programa de divulgación lingüística Dígocho eu da TVG. Despois de estudar xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, comeza a traballar na Área de información da TVG onde empeza a presentar este programa no ano 2020. Un programa dirixido de xeito especial á xente nova que se difunde a través tamén de redes sociais como You Tube, Instagram e Tik Tok. Dende o ano 2021, Esther presenta Dígocho eu no twich da CRTVG con dous programas semanais: o primeiro, "O reto do #DígochoEu#, onde realiza entrevistas e probas lingüísticas a personaxes relevantes galegofalantes; e o segundo, o "Apuntamento lusófono", que presenta xunto co actor portugués Rodrigo Paganelli. O 19 de marzo de 2022, Esther recibiu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora na 20 edición destes prestixiosos premios. Un acto onde o seu programa tamén recollería o galardón ao mellor programa de televisión. Neste Parladoiro que se celebrou hoxe, 15 de decembro, no Teatro Principal, ademais de falar sobre o tema lingüístico, Esther amosounos ese lado persoal que se agocha detrás da presentadora. Diversos alumnos dos centros educativos da Estrada tiveron a oportunidade de preguntarlle aquilo que querían saber, ao que Esther respostou con espontaneidade e sempre, sempre, animándoos a farlar en galego. Aquí tendes unha foto da representación do noso cole, que dende logo, lembrará durante moito tempo este encontro que nos deixou tan bo sabor na lingua.
De esquerda a dereita: Rafa, Lois, Carmen, Esther, Carme e Irene.