Páxinas

venres, 30 de maio de 2025

CELEBRACIÓN DA FESTA DAS PALABRAS

 Aínda resoan nos nosos oídos os cantares e tocares de o Reguereiño de Lamas na Festa das Palabras!




A madriña da festa, Susana Sanches Aríns, animou a esta magnífica canteira de creadores e creadoras literarios a que sigan escribindo en lingua galega.



Os presentadores, antigos alumnos do noso colexio, fixeron un estupendo traballo e fóronnos guiando con xeito e agarimo por esta celebración. 

As encargadas de entregar os agasallos por parte do noso colexio foron as mestras Montse Uzal e Goretti López.


Un ano máis, os gañadores e gañadoras do concurso de Microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, subiron ao escenario do Teatro Principal para recoller o seu agasallo: un caravel branco e o libro cos textos elexidos polo xurado de Dinamizaestrada.



Moitas grazas a tod@s pola vosa colaboración e parabéns !

luns, 26 de maio de 2025

FESTA DAS PALABRAS

 




A festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA.  No seu nome, Mónica Mato, coordinadora do EDLG do IES Avelina Valladares e María López, coordinadora do EDLG do IES  Manuel García Barros achegaron os obxectivos  e os detalles da festa. O acto tivo como anfitrioa á concelleira de educación, Amalia Goldar, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade.




A escritora e profesora Susana Sanches Arins será a madriña desta duodécima edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo mércores, 28 de maio.

A parte musical estará a cargo do grupo de música tradicional e popular O REGUEIRIÑO DE LAMAS.

Dará comezo ás 20:00 horas no Teatro Principal.  Os gañadores e gañadoras deberán presentarse 15 minutos antes para reservar unha butaca nas primeiras filas.  Poderán estar acompañados/as das súas familias, aínda que estas deberán situarse nas filas anteriores.

A entrada é libre.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.

Os debuxos feitos polo alumnado de Educación Infantil estarán expostos na entrada do Teatro.


VÉMONOS NESTA GRAN FESTA DA LINGUA GALEGA!
 

mércores, 21 de maio de 2025

CORRELINGUA

 Hoxe tivemos o Correlingua. Parecía que a chuvia ía afear esta carreira pola Estrada pero finalmente non o fixo. Ao ser mércores, as rúas estaban ateigadas de persoas que ían ao mercado semanal. Despois de xuntarnos na Praza do Concello comezamos a andaina. Os alumnos de 6º de EP como son os maiores, levaron a nosa súper pancarta de Rosalía e Castelao. Seguro que se nos puideran ver habían de estar ben contentos do bonita que quedou! Todos e todas levamos uns dorsais relacionados con esta mesma pancarta e co lema do Correlingua: A mocidade activa por unha lingua viva.

Ao rematar volvemos a xuntarnos na Praza do Concello para cantar e bailar co grupo Pauliña. Tamén recibimos un diploma acreditativo da nosa participación nesta celebración á que levamos asistindo dende hai moitos anos. Pasámolo moi ben! Ata o vindeiro curso!








Que os nosos pasos nos leven ata  o galego!

VÍDEOCONFERENCIA CO IES AVELINA VALLADARES

 O pasado venres, ademais do Festival das Letras, os alumnos de 5º de EP realizaron unha vídeoconferencia con este instituto da Estrada. Contáronlles como foi a evolución do baile en Galicia dende os anos 40. Xa que o noso PDI é Escola de Baile e, máis concretamente o lema deste ano do Equipo de Dinamización da Lingua Galega denomínase Bailando coa Lingua, decidiuse falarlles dos traballos de investigación que fixemos conxuntamente coas familias.

E tamén houbo un intre para  conversar doutros temas que tamén era do interese dos alumnos, por exemplo, se había que estudar moito no instituto e cousas asi,..

Foi unha moi boa experiencia que tentaremos repetir para o vindeiro curso!Gustounos falar con vós, amigos e amigas!




luns, 19 de maio de 2025

Figueiroa Letras Fest



Aínda resoan nos nosos oídos as pandereteiras que tocaron e bailaron no noso colexio para homenaxear as Letras Galegas. Dolores, María, Maruxa e Helena deleitáronnos coa súa arte, unha arte que nace das nosas raíces culturais máis profundas. E tan artistas son que foron quen de obter música ata dun aparello manual do agro: a sacha. 

Como nós tamén somos artistas, convidámolas a elas tamén a que escoitaran as actuacións dos nenos e nenas que tocan algun instrumento. Así puidemos desfrutar da trompeta, da caixa..,,
Pero non houbo actuacións musicais soamente. Aproveitamos a ocasión para entregar diplomas de recoñecemento aos gañadores e gañadoras do XII Concurso de microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, con motivo dunha nova edición da Festa das Palabras, que terá lugar o 28 de maio no Teatro Principal ás oito da tarde. Tamén recibiu un agasallo a gañadora do concurso de booktrailer, organizado pola Biblioteca. Diversos recitadores e recitadoras leron algúns poemas e cantigas galegas.
Para rematar, cantamos e bailamos todos xuntos A saia da Carolina. 
Que ben o pasamos! Unhas Letras grandes merecen tamén un gran recoñecemento e o noso foi feito cun sentimento profundo de amor e respecto cara a nosa lingua! Por moitos anos máis!










O noso agradecemento a todos e a tódalas participantes!







domingo, 11 de maio de 2025

As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025

As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025: As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025 Categoría: Nova Sara Valcárcel Xullo 5, 2024 Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.  “A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as  mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”. Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.  A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax.

venres, 9 de maio de 2025

COA PANDEIRETA NA MAN...

FICHAS PARA TRABALLAR AS LETRAS GALEGAS

 Comeza a Semana Grande das nosas Letras!

No cole imos levar a cabo unha serie de actividades para dar a coñecer o legado tan importante que deixaron na nosa cultura todas esas mulleres que coa súa voz e as súas mans encheron as aldeas de Galicia cos seus cantares acompañadas dunha pandeireta que soaba tan forte como eran elas.

Na páxina web do Seminario poderedes atopar actividades interactivas, en formato genially, así como recursos en PDF, carteis, exposición e cuestionario, dípticos, marcapáxinas, biografías, escolma de cantigas, fotos e actividades para infantil en lingua de signos,  documentais... recursos  que poden facilitar ao centro a celebración do Día das Letras Galegas.

 Picade neste enlace: MATERIAL LETRAS GALEGAS