A festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA. No seu nome, Mónica Mato, coordinadora do EDLG do IES Avelina Valladares e María López, coordinadora do EDLG do IES Manuel García Barros achegaron os obxectivos e os detalles da festa. O acto tivo como anfitrioa á concelleira de educación, Amalia Goldar, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade.
A escritora e profesora Susana Sanches Arins será a madriña desta duodécima edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo mércores, 28 de maio.
A parte musical estará a cargo do grupo de música tradicional e popular O REGUEIRIÑO DE LAMAS.
Dará comezo ás 20:00 horas no Teatro Principal. Os gañadores e gañadoras deberán presentarse 15 minutos antes para reservar unha butaca nas primeiras filas. Poderán estar acompañados/as das súas familias, aínda que estas deberán situarse nas filas anteriores.
A entrada é libre.
No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.
Os debuxos feitos polo alumnado de Educación Infantil estarán expostos na entrada do Teatro.
VÉMONOS NESTA GRAN FESTA DA LINGUA GALEGA!