O pasado mércores celebramos a festa do Correlingua na Estrada. Xuntámonos unha morea de centros educativos do noso concello e outros da contorna para festexar esta carreira reivindicativa a favor da lingua galega. Como vén sendo nos últimos anos, a presentadora foi Isabel Risco, que nos dou a benvida a todos/as.
O tempo acompañou e fixemos o percorrido habilitado para a ocasión. Había moita xente pola rúa, por ser día de feira, e quen máis e quen menos, atopamos caras coñecidas que responderon cun sorriso á nosa marcha lingüística.
Fixemos dorsais e pancartas para facer máis visible o lema deste ano: Na casa, na escola, bota a lingua fóra.
Despois de que botaramos a lingua fóra pola Estrada, voltamos á Praza do Concello, onde cantamos e bailamos coa Mekanika Rolling Band.
Despois de facerlles entrega a cada colexio dunha bolsa con agasallos en forma de libros, fixemos a solta de globos, con desexos para a lingua galega escritos neles e que pintaron de cores o ceo estradense. Boa viaxe e un camiño sen atrancos para a lingua galega!