Páxinas

martes, 7 de outubro de 2025

Fala fala falangueira

 

Hoxe recibimos unha carta ben bonita de Matrioshka Teatro. É unha invitación para asistir ao espectáculo escénico que terá lugar no Teatro Principal o sábado 11 de outubro ás 12:30 horas. Vémonos alí!


SINOPSE

O mundo das palabras amosado por dúas actrices que exploran como foron transmitidas de xeración en xeración, de Matrioshka a Matrioshka, que se moven entre a luz da memoria e do esquecemento, unhas usadas dende hai séculos, outras xa esquecidas, e outras recén estreadas, configurando momentos de diversión e reflexión, creando combinacións que abren as portas da curiosidade sobre a historia da nosa lingua entre o público familiar e infantil a partir de 7 anos.

Fala fala falangueira é un espectáculo que nace do amor e respecto á nosa lingua galega.

FICHA ARTÍSTICA

  • Dirección e dramaturxia: Gena Baamonde.
  • Intérpretes: Chelo do Rejo e Anabell Gago.
  • Textos: Gena BaamondeChelo do Rejo e Anabell Gago.
  • Revisión lingüística: Ana Castro.
  • Deseño de vestiario e escenografía: Gena Baamonde.
  • Máscara: Lorena Conde.
  • Música: Mónica de Nut & Luís MartínsVirxilio da SilvaEster García.
  • Audios: GalekuPablo ChichasElba LozanoNucha LorenzoJesús PortasMara Señoráns e Mª Teresa Fernández.
  • Iluminación: Octavio Mas.
  • Deseño gráfico: Alba Aller.
  • Fotografía e vídeo promocional: Masako Hattori.




SEMENTANDO LINGUA

 Con este título tan ligado á terra  galega e á nosa lingua, damos comezo ás actividades propostas polo EDLG para este curso 2025-26. Partimos do PDI Labregas, que fai alusión ao nomeamento da ONU como Ano da Agricultora.

Dende o inicio dos tempos, o papel da muller en tódolos ámbitos pero especialmente no rural, foi decisivo para o avance da humanidade. Por iso, tamén dende o noso colexio, queremos participar nesta homenaxe á muller galega, que foi pedra angular da sociedade que somos hoxe. Unha gran parte das actividades irán destinadas a que a comunidade educativa e valore o traballo e a valentía da muller rural.

Comezamos, pois...




venres, 13 de xuño de 2025

ILUSTRACIÓNS DE CASTELAO POR PARTE DE 2ºB

 Neste ano tan especial no que conmemoramos a data do seu pasamento, os nenos e nenas de 2ºB  do noso colexio quixeron renderlle esta homenaxe tan bonita. Aquí está o Cousas tan particular deste alumnado:



















Que ilustracións tan ben feitas! Parabéns a tod@s!



venres, 30 de maio de 2025

CELEBRACIÓN DA FESTA DAS PALABRAS

 Aínda resoan nos nosos oídos os cantares e tocares de o Reguereiño de Lamas na Festa das Palabras!




A madriña da festa, Susana Sanches Aríns, animou a esta magnífica canteira de creadores e creadoras literarios a que sigan escribindo en lingua galega.



Os presentadores, antigos alumnos do noso colexio, fixeron un estupendo traballo e fóronnos guiando con xeito e agarimo por esta celebración. 

As encargadas de entregar os agasallos por parte do noso colexio foron as mestras Montse Uzal e Goretti López.


Un ano máis, os gañadores e gañadoras do concurso de Microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, subiron ao escenario do Teatro Principal para recoller o seu agasallo: un caravel branco e o libro cos textos elexidos polo xurado de Dinamizaestrada.



Moitas grazas a tod@s pola vosa colaboración e parabéns !

luns, 26 de maio de 2025

FESTA DAS PALABRAS

 




A festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA.  No seu nome, Mónica Mato, coordinadora do EDLG do IES Avelina Valladares e María López, coordinadora do EDLG do IES  Manuel García Barros achegaron os obxectivos  e os detalles da festa. O acto tivo como anfitrioa á concelleira de educación, Amalia Goldar, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade.




A escritora e profesora Susana Sanches Arins será a madriña desta duodécima edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo mércores, 28 de maio.

A parte musical estará a cargo do grupo de música tradicional e popular O REGUEIRIÑO DE LAMAS.

Dará comezo ás 20:00 horas no Teatro Principal.  Os gañadores e gañadoras deberán presentarse 15 minutos antes para reservar unha butaca nas primeiras filas.  Poderán estar acompañados/as das súas familias, aínda que estas deberán situarse nas filas anteriores.

A entrada é libre.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.

Os debuxos feitos polo alumnado de Educación Infantil estarán expostos na entrada do Teatro.


VÉMONOS NESTA GRAN FESTA DA LINGUA GALEGA!
 

mércores, 21 de maio de 2025

CORRELINGUA

 Hoxe tivemos o Correlingua. Parecía que a chuvia ía afear esta carreira pola Estrada pero finalmente non o fixo. Ao ser mércores, as rúas estaban ateigadas de persoas que ían ao mercado semanal. Despois de xuntarnos na Praza do Concello comezamos a andaina. Os alumnos de 6º de EP como son os maiores, levaron a nosa súper pancarta de Rosalía e Castelao. Seguro que se nos puideran ver habían de estar ben contentos do bonita que quedou! Todos e todas levamos uns dorsais relacionados con esta mesma pancarta e co lema do Correlingua: A mocidade activa por unha lingua viva.

Ao rematar volvemos a xuntarnos na Praza do Concello para cantar e bailar co grupo Pauliña. Tamén recibimos un diploma acreditativo da nosa participación nesta celebración á que levamos asistindo dende hai moitos anos. Pasámolo moi ben! Ata o vindeiro curso!








Que os nosos pasos nos leven ata  o galego!

VÍDEOCONFERENCIA CO IES AVELINA VALLADARES

 O pasado venres, ademais do Festival das Letras, os alumnos de 5º de EP realizaron unha vídeoconferencia con este instituto da Estrada. Contáronlles como foi a evolución do baile en Galicia dende os anos 40. Xa que o noso PDI é Escola de Baile e, máis concretamente o lema deste ano do Equipo de Dinamización da Lingua Galega denomínase Bailando coa Lingua, decidiuse falarlles dos traballos de investigación que fixemos conxuntamente coas familias.

E tamén houbo un intre para  conversar doutros temas que tamén era do interese dos alumnos, por exemplo, se había que estudar moito no instituto e cousas asi,..

Foi unha moi boa experiencia que tentaremos repetir para o vindeiro curso!Gustounos falar con vós, amigos e amigas!