Páxinas

domingo, 26 de marzo de 2023

CELEBRANDO A POESÍA

 Para celebrar o Día da Poesía, estivo na biblioteca  do noso colexio Anxo Iglesias, autor do libro de poesía Unha nova dimensión.


A sinopse do libro é a seguinte:

A partir do concepto xeométrico de dimensión artéllase este delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. Ler «Unha nova dimensión» é asistir a un festival de creatividade. É un estímulo para a imaxinación!

E damos fe de que todos os asistentes desfrutaron un montón con esta visita. Que o Día da Poesía o poidamos celebrar todo o ano!








MURAL DE ROSALÍA

 O pasado 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía. Ademais das actividades que xa apareceron reflectidas neste blog, cada aula ilustrou un verso do poema Cantarte hei, Galicia, de Cantares Gallegos. Mirade que ben quedou o conxunto dos debuxos! Tamén vos queda aquí o poema, por se vos apetece recitalo, pois nunca pasará de moda.





Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.
Cal ela, ningunha
tan doce que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
Cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento,
cal fartan de dichas
compridos deseios.
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga:
Cantar, cantareille
de noite e de día,
por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños,
buscaime antre os robres,
buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
(De Cantares gallegos)

E para rematar, seguro que vos vai gustar esta fantástica interpretación:

domingo, 19 de marzo de 2023

GAÑADORES E GAÑADORAS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS E MICROPOEMAS 2023

Noraboa aos gañadores e gañadoras desta nova edición do concurso de microrrelatos e micropoemas que convoca cada ano Dinamizaestrada! Son os seguintes:

MICROPOEMAS:

A1: Sara López Collazo. 1º

A2: Nerea Calviño Brea. 4º

A3: India Vicente Sánchez. 5º

MICRORRELATOS: 

A1: Leo Fontao Collazo. 2º

A2: Noa Couto Neira. 4º

A3: Valentina Fernández Rodríguez. 5º


Para máis información picade neste enlace:

http://proxectodelingua.blogspot.com/

mércores, 8 de marzo de 2023

UNHA MULLER TRABALLADORA: ROSA DE CABANAS

 

Hoxe estivo no noso colexio Rosa de Cabanas, a deseñadora gráfica estradense que tivo a ben compartir con nós este Día da Muller Traballadora. E o motivo foi o de darlles a coñecer aos alumnos e profesorado do centro a súa exposición Mulleres Valentes. Os nenos e nenas de 6º A, B e C puideron escoitar todo o proceso dende o inicio ata a finalización da mesma, tendo en conta que a versión completa poderémola ver no casino da Estrada estes días. Aínda así, o corredor da bilblioteca convertiuse nun espazo privilexiado de arte feita no noso concello.


Tódalas ilustracións corresponden a mulleres loitadoras que destacaron nun eido determinado da cultura, da ciencia, das artes,.. e que tiveron que facerse ver nun mundo -en moitos casos- deseñado por e para os homes.




Para Mamalola, Xela Arias, Maruxa Mallo, Loli Camba, Eileen Gray, Lolita Díaz Baliño, Camille Claudel, Marga Gil Roësset, Rosalía de Castro, Teresa Wilms Montt, María Casares, Clarice Lispector, Virxina Pereira, Lina Bo Bardi, Carolina Otero, María Miramontes, María Antonia Dans, Amparo López Jean, Dionisia López Amado, Jimena Fernández de la Vega, Maruxa e Coralia Fandiño, Elisa Patiño, Finita Gay, Irene González Basanta, Rita Fernández Queimadelos, Sofía Casanova, María Victoria Moreno, Marcela e Elisa, Antonia e Consuelo Rodríguez López, Urania Mella, Francisca Morlán, María Docampo, Xulia Minguillón, Luísa Villalta, Juana Capdevielle, Ana Kiro, Maruja Roca, María Antonina Sanjurjo Aranaz, María Luz Morales, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, Maruxa das Cortellas, Emilia Pardo Bazán, María Wonemburger, Mercedes Núñez Targa, Emilia Docet, Concepción Arenal, Rosario Hernández Diéguez, Áurea Rodríguez, Celia Rivas, Anisia Miranda, Carmen Arias, Ruth Matilda Anderson,. MOITAS GRAZAS POR ESTE LEGADO QUE NOS DEIXASTES E QUE SEGUE SENDO NECESARIO LEMBRAR EN DÍAS COMA HOXE! A través dos trazos de Rosa, puidemos saber máis da vida destas mulleres valentes que non tiveron medo de iniciar o camiño cara a igualdade a través do seu traballo e dos seus actos. 

Moitas grazas tamén a Rosa, por ir contándonos con tanta emoción como foi creando esta obra tan bonita e tan reveladora a través das súas protagonistas. É unha maneira de dinamizar a lingua galega, aparecendo coma referente universal, Rosalía de Castro.

 Rosa de Cabanas no noso Faro da Escola o curso pasado:

                                         

 
Para comezar, Rosa fíxonos un cartel ben bonito da exposición e os nenos e nenas de 6º tamén aportaron a súa creatividade:

 

 E dixéronlle unhas palabras de benvida:
 





Despois do recibimento, pasamos á biblioteca, onde nos contou o proceso de realización destas ilustracións:







Os outros alumnos tamén visitaron posteriormente a exposición e fixeron algúns traballiños sobre ela:
 


ATA PRONTO, ROSA!







mércores, 1 de marzo de 2023

DÍA DE ROSALÍA NO PRINCIPAL

O Día de Rosalía tivo lugar no Teatro Principal na tardiña do xoves, como estaba previsto. Lola, Manuel e Lois recitaron estupendamente os dous poemas que levaban preparados. Ademais da participación dos colexios da Estrada, puidemos ver a gravación da canción para conmemorar este día e á que nos convidou o concello da Estrada. O grupo musical é Plan Siberia. Podedes vela aquí:


 




                                Foto conxunta dos nenos e nenas participantes no recitado.