Páxinas

sábado, 24 de xuño de 2023

DinamizaTv

 A Semana pasada estivemos no Centro Sociocultural e na Escola Infantil Municpal para ofrecerlles a actuación de dúas obras de teatro. Con estas dúas actividades damos por finalizado o noso percorrido de Unha lingua de cine. 

Para poder ver outros traballos realizados no noso colexio, aqui tendes o DinamizaTv . Bo verán a todos e boas vacacións!


domingo, 11 de xuño de 2023

FESTA DAS PALABRAS

 O pasado 6 de xuño tivo lugar no Teatro Principal a X edición da Festa das palabras. Este ano a madriña do evento foi Charo Golmar, mestra e escritora, que leu e recitou unhas emotivas palabras de agradecemento por ostentar esta codición.

A parte musical estivo amenizada por Proxecto Valladares, e coma sempre, estiveron con nós as autoridades do Concello que levan o departamento de Cultura e a deseñadora gráfica estradense Rosa de Cabanas, que deseñou a portada e a contraportada do libro, os carteis, os marcapáxinas e o cadro co que foi agasallada a madriña. 

Aquí tendes algunhas fotos da Festa. Norabora aos gañadores e gañadoras e a seguir participando nestes concursos que tratan de dinamizar a lingua galega!

Tamén podedes picar neste enlace para ver a Charo Goldar falando da súa experiencia, a Xabier Camba, membro de Dinamizaestrada valorando o resultado do concurso de microrrelatos e micropoemas  e un fragmento da actuación musical.

Televisión

E escoitar a Víctor, outro dos membros, falando para Radio Estrada:

A Galería  (Min. 83)











E a continuación, aquí están os relatos e os poemas gañadores do noso colexio que aparecen recollidos no libro do concurso:

Poemas:

A1.

Mírome no espello

Mírome no espello,

quérome descubrir,

contar as pencas

que teño no nariz.

Así son eu, así son eu,

moito gusto en coñecerme

mirándome ao espello.

Sara López Collazo. 1º.

A2.

O coello elegante

Vin un coello

sentado no espello.

Estaba elegante

para unha cea importante.

Era o festexo

do seu amigo o cangrexo.

E comeron un bogavante

bastante xigante.

Nerea Calviño Brea. 4º.

 

A3.

Espello

Míraste polo día

míraste pola noite

e non sabes quen son:

pois son o teu reflexo

incrustado nun espello.

 

India Vicente Sánchez.5º.

 

Relatos

A1.

No camiño había moitos nenos que xogaban. Un día nevou e esquiaban e corrian na neve. Xogaron tanto que se mancharon moitísimo. Fixeron un boneco de neve e ao día seguinte desaparecera! Era un misterio! Foi o sol quen o derretera..! Agora chámase o camiño do misterio.

Leo Fontao Collazo. 2º.

A2.

A toupa Toupiña

Ía camiñando polo camiño da miña casa. Pode que sexa perigoso, pero non me importa. Eu ía moi tranquila ata que encontrei unha toupa moi fea. Estaba facendo un buraco! Case a mato! Pobre toupa, toupa toupiña! Ai, que pobriña! Non ten casa, diñeiro nin comida!

Noa Couto Neira. 4ºA 

A3.

O camiño da morte

Érase unha vez no ano 1993, uns nenos moi atrevidos. Un chamábase Lucas e era un traste, outro Mauro e era tranquilo, por último Alam, que era coma un demo e non paraba quedo. Onde eles vivían había unha lenda de que no bosque Danonino había un camiño chamado Camiño da Morte. Se ías, non volvías.

Un día equipáronse e foron ao bosque. Ao chegar alí unha sombra preguntoulles: Cal é o máis túzaro? Lucas!, dixeron. E aquela sombra berrou: MENTIDES! e levou a Alam. Lucas e Mauro botaron a correr e cando se deron conta…

Valentina Fernández Rodríguez. 5º.



De esquerda a dereita:

Sara López Collazo, Nerea Calviño Brea, India Vicente Sánchez, Leo Fontao Collazo, Noa Couto Neira e Valentina Fernández Rodríguez.


NORABOA E QUE SIGADES CELEBRANDO A FESTA DAS PALABRAS NA LINGUA GALEGA!




domingo, 4 de xuño de 2023

CORRELINGUA

 O pasado mércores celebramos a festa do Correlingua na Estrada. Xuntámonos unha morea de centros educativos do  noso concello e outros da contorna para festexar esta carreira reivindicativa a favor da lingua galega. Como vén sendo nos últimos anos, a presentadora foi Isabel Risco, que nos dou a benvida a todos/as.

 O tempo acompañou e fixemos o percorrido habilitado para a ocasión. Había moita xente pola rúa, por ser día de feira, e quen máis e quen menos, atopamos caras coñecidas que responderon cun sorriso á nosa marcha lingüística.

Fixemos dorsais e pancartas para facer máis visible o lema deste ano: Na casa, na escola, bota a lingua fóra.




Despois de que botaramos a lingua fóra pola Estrada, voltamos á Praza do Concello, onde cantamos e bailamos coa Mekanika Rolling Band.






Despois de facerlles entrega a cada colexio dunha bolsa con agasallos en forma de libros, fixemos a solta de globos, con desexos para a lingua galega escritos neles e que pintaron de cores o ceo estradense. Boa viaxe e un camiño sen atrancos  para a lingua galega!