Páxinas

domingo, 1 de marzo de 2020

DÍA DE ROSALÍA



Este xoves, día 27 de febreiro, tivo lugar no Teatro Principal de A Estrada a celebración do Día de Rosalía. Noa e Paulo, dous alumnos de 6º de Primaria, caracterizáronse para a ocasión e recitaron este poema da autora homenaxeda:

 ¡A probiña que está xorda!

¡A probiña, que está xorda...!
"Alá enriba da montaña,
sai fume das chamineas...
Valor, meu corpiño vello.
Leváime aló, miñas pernas.
Paseniño, paseniño,
aquí para, alí te sentas,
irás chegando, Xuana,
adonde as casas fomegan.
¡Dios diante, a Virxe che valla!,
qu hoxe, seica... seica... seica...
has de comer sete cuncas
de bon caldo, coa da cea,
e máis compango do porco
ou de sardiñas salpresas,
que os montañeses son homes
que cando dan, dan de veras.
Dempois, quentaráste a un lume
grande coma unha fogueira,
e cando xa estés ben quente,
¡a dormir... e que ameñeza!" 

 -¿Quen é? –preguntan.
-Son unha pobriña vella
que me perdín neste monte…
-responde unha voz que tembra-.
¿Non me darán pousadiña,
que está chovendo e lostrega?
-Vaia con Dios; xa vén tarde,
non hai sitio- lle contestan.
-¿Que di, señora? Son xorda
como un canto…, miña prenda.
Ábrame a porta, que Dios
llo pagará…
                -Pobre vella…

Un pouco adiante, pretiño
hai máis portas: chame nelas.
-¿Que di, señoriña? Mire
que está unha noite moi fera,
e teño medo que os lobos
me coman…
                -¡Dios diante! ¡Seica…!
N’hai lobos aquí; ande, ande,
vaia con Dios, que outra aldea
hai preto.
                -¿Que di, señora?
-Vaia con Dios, non sea terca,
que aquí xa non caben máis,
nin probes nin ricos, ¡eia!
-¿Que di, ña filla…? Son xorda,
e non oio anque me fendan.
¡Brrr, que frío, señoriña!
Vosté que é tan limosneira,
déixeme entrar, e estarei
no cortelliño onda as bestas.
¡Brrr…, que morro coa friaxe!
¡Quenja!, ¡quenja!, ¡quenja!, ¡quenja…!
¡Que tos…, Dios me valla…, brrr!
¡Xa non podo máis!
                   -Pois veña,
e si non ten onde pórse,
brinque a cabalo da artesa
-falou a doña, que tiña
o corazón de manteiga.
-¡Dios llo pague, queridiña!
Xa topará recompensa
no ceu… Abra, miña xoia…
-excramou de pronto a vella.
-¿Logo n’é xorda, que oieu?
-dixeron dentro, antramentras
que quitaban o tranqueiro
da porta.
                -¿Que di, ña prenda?
Non lle oio nada, mas teño
moito sentido…
                -¡Abofellas
que non mente! Vaia, vaia,
adentro…
          -Santas i buenas
noites teñan mis señores…
¡Xesús, seica está de festa,
que hai moita xentiña xunta!
De hoxe nun ano aquí os vexa.
Dio-los bendiga…, el Señor
lles dé fertuna ás mancheas
e saudiña…
                -¡Amén, amén!
-Busque un sitio na lareira
e quéntese…
                -¿Que me dixo?
Son xorda coma unha pedra,
e a máis non probei frangulla
desde onte á noite, e nas venas
xa teño o sangre callado
polo frío…
                I antramentras
que esto di, vaise arrimando
ó lume moi compangueira
cos outros probes, e fura
por antre eles, por antre elas.
Brinca por riba do cego,
e que queiras que non queiras,
sempre tembrando de frío
e xorda como unha pedra,
según di, no mellor sitio
con moita homildá se senta
e arrima un mando de lume
pra onde ela está.
                -¡Ei, miña vella!:
mire que hai máis que vostede
aquí; ¡que comenenceira
parece!, – lle di outro probe
cunha cara de desteta
nenos.
                -¿Como di, meu fillo?-
(Sorrindo reprica ela,
sentándose máis agusto).
Eu de calquera maneira
me amaño; que así no ceo
me amañe el Señor…
                    -¡Bah!, seica
quer facer mofa da xente…
¡Poche, co xuncras da vella!
Mesmo parece un espeto
-¿Si quero un neto, ña prenda?
Si mo desen, inda pode
que pouco a pouco o bebera,
pois teño moita sediña,
e fame e frío…
                    -¡Rabea,
can!, que non vin unha xorda
máis fraca nin lagarteira.
¿É filla dalgún raposo?
-¿Que pille un óso…? Da vella
quérense rir… ¡Ai, Dios mío!
pero a fame élle moi negra;
tráiamo se é que inda ten
apegada algunha freba,
e ireino raspando a modo
cun canteiro que me queda.

      Todos riron ca resposta
e… -¡Inda nunca Dios me dera
-dixo o cego-, que esa xorda
sabe máis que eu, abofellas!
-Merece comer compango
e voullo dar, miña vella,
porque onde queira que a atopo,
gústame sempre a sabencia.
¡Coma e fártese! Aquí ten
talladas e viño…; beba,
beba pola miña conta
á salú das montañesas,
-dixo a dona, e doulle un prato
de callos como unha cesta
á probe, e viño, e pan branco
canto quixo: fartouse ela
mesmo hastra que tuvo a tripa
como un pandeiro. Rabenta
por pouco…; mais o pelexo
tiña duro, e nin siquera
lle arregañou, i ó outro día
xa estaba tan peneireira.

      -Coidado –lle dixo a dona
cando se foi. Conta teña
de non volver por aquí
mentras lle dure a xordeira.
-¿Que di, miña queridiña?
-respondeu ríndose a vella.
Son mesmo como unha tapia,
e non lle oio anque me fendan.


Da terra. Follas Novas.

Tamén puidemos ver o marabilloso vídeo que se proxectou ao finalizar as actucións dos nenos e nenas dos colexios da Estrada. Podedes visualizalo aquí:  https://youtu.be/rmtp5xKPR0g






NORABOA AO GAÑADOR DE CAN VALENTÍN

Este entroido marchamos para a casa con un bo sabor de boca. O noso compañeiro Manuel, de 3º C, co contrasinal Piratiña,  foi o gañador do concurso de cartas de amor Can Valentín, de Radio Estrada. Velaquí tendes a carta:





E nós tamen homenaxeamos ao flamante gañador con este diploma que lle foi entregado despois do desfile dos disfraces:

 PARABÉNS!