Páxinas

martes, 16 de xaneiro de 2018

XA ANDAMOS A VOLTAS COA FESTA DAS PALABRAS!

1. 1. V Concurso de microrrelatos e micropoemas dos Centros Educativos da Estrada.
Descrición.
Celébrase a quinta edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado pola Coordinadora Local de EDL, DINAMIZAESTRADA, que agrupa a todos os centros de primaria e secundaria do Concello da Estrada. Os microrrelatos deben conter a palabra FAIADO, e os micropoemas a palabra MAR. O proceso de elección tivo lugar no primeiro trimestre deste curso, e no mesmo participou o alumnado e o profesorado dos Equipos de Dinamización Lingüística de todos os centros. As palabras escollidas debían aparecer nalgún dos títulos das obras da autora á que se dedica este ano 2018 o Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno.
1. 2. Edición e publicación do libro V Festa das Palabras, Dinamizaestrada. Textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas.
Descrición.
Publicación dos textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas nun libro dunhas 90 páxinas cos textos premiados en todas as categorías e modalidades. (Achéganse as bases do concurso). Realizarase unha tiraxe de 600 exemplares, que serán repartidos aos gañadores e gañadoras do certame e entre todos os centros participantes. Contarase coa colaboración da deseñadora e ilustradora Rosa de Cabanas para o deseño da portada do mesmo. No libro incluiranse ilustracións realizadas polo alumnado de infantil de todos os centros de primaria, de cara a favorecer a participación do alumnado desta etapa na actividade. As ilustracións serán escollidas polo xurado do concurso e farán referencia ás palabras utilizadas para o concurso de microrrelatos e micropoemas.
Realización dun marcapáxinas coa imaxe utilizada para o libro e para a campaña en xeral. 4000 exemplares para distribuír entre todos os centros.
1.3. Festa das palabras.
Descrición.

A quinta edición da festa das palabras consistirá na entrega de premios dos concursos literarios no Teatro principal da Estrada a todos os gañadores e gañadoras do certame e celebrarase o próximo 23 de maio. A presentación e a condución da festa será realizada por alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez, ao que corresponde este ano esta tarefa. Actuación musical a cargo de Gabriel Estrada (Plan Siberia) recente gañador do concurso da canción do verán en galego da TVG.  Participación dunha escritora como madriña dos premiados/as e da Festa: nesta edición foi escollida o escritora e contadora Paula Carballeira Cabana, que fará unha intervención na entrega de premios e que aparecerá publicada no libro editado. Participará o profesorado de todos os centros e representantes das ANPAS na entrega dos premios. Tamén se contará con representación do Concello da Estrada no mesmo, entidade colaboradora da actividade. Encargarase o deseño do cartel anunciador do evento á mesma persoa que leva a cabo o deseño do libro.

Podedes ver as bases no apartado Concursos.