Páxinas

domingo, 2 de decembro de 2018

FESTA DA POESÍA 2018

Esta semana non paramos. Despois de actuar o martes con Mil Anacos, o venres asistimos á Festa da Poesía. As nosas compañeiras Sara, Zaira e Sabela recitaron dous poemas de Manuel María: A señora vaca e Poemiña para namorar unha rosa. 









Que ben o fixeron! Ata outra edición da Festa da Poesía!

domingo, 25 de novembro de 2018

TEATRO OLIMPIO ARCA

O VINDEIRO MARTES, 27 DE DECECEMBRO, ESTADES TODOS E TODAS CONVIDADOS Á III MOSTRA DE TEATRO OLIMPIO ARCA CALDAS!

Será ás 18:30 horas no Teatro Principal e a nosa actuación leva o nome de Mil Anacos. Participan 22 nenos e nenas do noso colexio. Vémonos alí!   


                            Imagem

domingo, 4 de novembro de 2018

SAMAÍN 2018

Que tal estades? Como vai indo este  curso tan interesante que temos por diante? A primeira celebración importante é a do Samaín. Coma sempre, no noso colexio fixemos postais para desexarlle que pasaran uns días ben divertidos aos nosos amigos do Ceip Pérez Viondi, IES Antón Losada Diéguez, IES García Barros, Escola Infantil Municipal e Centro Sociocomunitario. Nós recibimos tamén postais do Ceip Os Muiños, de Muxía, e do Ceip Pérez Viondi.
A modo de exemplo, aquí tedes a exposición das nosas postais no Losada Diéguez:









E no noso colexio as familias realizaron auténticas obras de arte coas cabazas en relación ao PDI deste ano: AMAROMAR.

BOTADE UN VISTAZO:




Moitas grazas pola vosa participación!


domingo, 27 de maio de 2018

CELEBRACIÓN DA FESTA DAS PALABRAS



Que festa tan especial! Todo o público que asistiu ao acto de entrega de agasallos puido ver que nos colexios e institutos da Estrada hai moi bos escritores e escritoras! Uns e outro foron recollendo o libro e o caravel branco. Plan Siberia amenizou a celebración coa súa música, todo baixo a mirada da madriña: Paula Carballeira. 

Estes son os debuxos de  Maruxa e Ignacio, os dous ilustradores por parte do noso colexio:


Coa palabra Faiado





Coa palabra Mar



E os textos gañadores son estes:

POEMAS.

1º CICLO:

Podo facer
contas de sumar,
contas de restar e
contas de multliplicar
mentres escoito o bruar
das ondas do mar.
Sara Sanín Gómez. 2º.

2º CICLO:

O MAR É PRECIOSO
O mar é bonito
e elegante,
viste de saia
e chaqueta brillante.

O mar é o mellor do mundo´
nel podes atopar
bandeiras sen rumbo!
Noa Otero Calviño. 4º.

3º CICLO:

O MAR
Sentado na area mirando o mar
tanta beleza faime pensar
escuros recordos non quero lembrar
imaxes de xente querendo escapar
dun mundo de fame. Que sorte terán?
Que durdo imaxino ter que emigrar
Sentado na área, non podo olvidar.
Darío Blanco Ruzo. 6º.

RELATOS:

1º CICLO:

O FAIADO DAS FANTASÍAS
No faiado da miña avoa había un baúl cheo de fantasías. Saían unicornios, un zoo, unha selva, tamén tendas, números ata 5555 e montóns de cousas, tamén emocións… Saían alegría, cariño e amor.
Lucía Bugallo García. 2º.

2º CICLO:

O MEU SOÑO CUMPRIDO!
Mamá dixo que había que agardar 9 meses. Que pasará?
Estaba chovendo, eu xogaba no faiado ao que sempre subía a xogar, xogaba a soñar!! Chegaron papá e mamá daquela viaxe tan  longa. Seguro que me trouxeron algo! Mamá xa non estaba gordiña, e a papá caíalle algunha bagoíña. Debaixo daquela mantiña de cores, alí estaba, era pequeniña, suave e coloradiña.
O meu soño cumprido aquel día! Por fin nacera a miña irmanciña Lía.
Noa Otero Calviño. 4º.

3º CICLO:

O FAIADO
Respiro profundo dende o pé da escaleira. O corazón báteme con forza, miro cara arriba, trémenme as pernas.
-A ver, Darío, tráeme as patacas! –Berra miña avoa dende a cociña.
Coma se fose tan sinxelo, só sabe Deus que criaturas vou atopar no faiado. Ao mellor teño sorte e os nervios fan que perda o sentido..
Respiro fondo de novo, como vin nun titorial de ioga en “YouTube”. Teño que faelo, non son tan pequeño, teño que botarlle peito.
Agarrándome á parted vou subindo coma un zombie. Chego arriba, abro a porte e.. Sabedes que había?! Si, patacas.
Darío Blanco Ruzo.6º.











































martes, 22 de maio de 2018

V FESTA DAS PALABRAS

Xa se achega o gran día! O mércores, 23 de maio ás 20:30 horas  vémonos no Teatro Principal para participar nesta celebración tan importante! Que ilusionados están os gañadores e gañadoras por subir ao escenario a recoller o seu agasallo..! E por  escoitar a Paula Carballeira co seu discurso de madriña, e a Plan Siberia coa actuación musical! En fin.. vémonos alí!



Lembrade que  tendes máis información no blog dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da Estrada:

Blog de dinamizaestrada





domingo, 29 de abril de 2018

Vídeoconferencia co Losada

O pasado venres, 20 de marzo, os alumnos e alumnas de 6º de EP reuníronse na biblioteca para asistir á vídeoconferencia que os compañeiros do IES Losada Diéguez prepararon para nós. Moitas cousas saben! Nós escoitámolos con moita atención, pois non era para menos. Mirade de que tratou:

En colaboración co ENL do IES Losada Diéguez, os alumnos e alumnas de Cultura Científica de 4º ESO presentan sete monólogos/exposicións para contestar algunhas preguntas dende o punto de vista científico. Os temas elixidos son:
  1. - Por que viven máis as avoas
  2. - Como se formou o Universo?
  3. - Que hai detrás dun videoxogos? Como se fai un videoxogo?
  4. -Que é o cambio climático?
  5. - Que é a chuvia ácida?
  6. - Que necesita un planeta para ser habitable? Hai vida noutros planetas?
  7. - Emocións, sistema nervios. Por que me podedes ver e oír agora mesmo?
  8. - Por que se me "pega" esa canción para todo o día?

Ao mesmo tempo, foi moi satisfactorio ver como os nosos ex-compañeiros tiñan o tema moi ben aprendido e resultaron ser uns monologuistas fantásticos. Parabéns.














martes, 24 de abril de 2018

PREPARÁNDONOS PARA AS LETRAS..!


Amigos, xa se van achegando as Letras Galegas! Unha das actividades que levamos a cabo no noso colexio foi a elaboración dun vídeo a prol da lingua galega. Podedes velo no seguinte enlace:


Vídeo Correlingua

A que temos uns actores e actrices fenomenais no noso centro? Noraboa  e graciñas a todos/as por colaborar sempre nas actividades que se  vos propoñen!

martes, 10 de abril de 2018

FESTA DAS PALABRAS

Xa temos data para a Festa das Palabras: será o 23 de maio ás 20:30 horas no Teatro Principal! E esta celebración tan especial vai ter un convidado musical de luxo: Plan Siberia, que é veciño noso, da Estrada. O 15 de maio teremos unha rolda de prensa no Concello para facer a presentación deste acto.  Rosa de Cabanas fixo  un deseño chulísimo para o libro deste ano. Ah! Sabedes quen vai ser a madriña? Pois nin máis nin menos que Paula Carballeira! A cousa promete! 

xoves, 5 de abril de 2018

VISITA DO IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ

O pasado 9 de marzo tivemos unha visita moi especial: a dos nosos compañeiros do Ies Antón Losada Diéguez. Que mellor que remitirvos ao seu blog para compartir eses intres especiais con todos!

Pulsade aquí: elogoieslosada.blogspot.com.es

MICROPOEMAS E MICRORRELATOS

Xa podedes  coñecer o nome dos gañadores e gañadoras! Mirade no apartado Concursos.

domingo, 4 de marzo de 2018

SEMANA DE ROSALÍA


Estes días estamos a voltas coa poesía de Rosalía de Castro. Xa vistes que fomos ao Mome e tamén fixemos actividades relacionadas con ela no colexio. Partimos do poema de Cantares Gallegos e  con el fixemos un libriño colgante que está colgado na entrada. Ademais, decoramos outros  recantos con fotos da autora. Velaquí tendes unha mostra:





















martes, 27 de febreiro de 2018

DÍA DE ROSALÍA NO MOME

Estes días no noso colexio estamos  celebrando a Semana de Rosalía. Xa vos colgarei as fotos das cousiñas  tan bonitas que imos facendo! Hoxe fomos ao Mome para participar no Día de Rosalía, un acto ao que nos convidou o Concello. Dúas nenas de 5º, Nerea e Noa, recitaron o poema Cantarte hei Galicia do libro Cantares Gallegos, que estamos empregando para facer debuxos coas súas estrofas e pendurar  na entrada.
Velaquí o tendes:


 Cantarte hei, Galicia,
teus doces cantares,
que así mo pediron
á veira do mare.



   Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.


   Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.


   Cal ela, ningunha
tan doce que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,


   misterios da tarde,
murmuxos da noite:
Cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.


   Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.


   Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá que comenzo.


   Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.


   Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;


   de amabre consolo,
de soave contento,
cal fartan de dichas
compridos deseios.


   De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.


   Quen queira me chame,
quen queira me obriga:
Cantar, cantareille
de noite e de día,


   por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.


   Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños,
buscaime antre os robres,
buscaime antre os millos,


   nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.


   A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir,


   nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!



Vexamos ás nosas compañeiras:






                                                      


                                               
Ao final puidemos visualizar o vídeo que fixo o Concello cos nenos dos colexios e con outras persoas:

Podédelo ver no seguinte enlace: 

Vídeo de Rosalía Concello A Estrada


martes, 16 de xaneiro de 2018

XA ANDAMOS A VOLTAS COA FESTA DAS PALABRAS!

1. 1. V Concurso de microrrelatos e micropoemas dos Centros Educativos da Estrada.
Descrición.
Celébrase a quinta edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado pola Coordinadora Local de EDL, DINAMIZAESTRADA, que agrupa a todos os centros de primaria e secundaria do Concello da Estrada. Os microrrelatos deben conter a palabra FAIADO, e os micropoemas a palabra MAR. O proceso de elección tivo lugar no primeiro trimestre deste curso, e no mesmo participou o alumnado e o profesorado dos Equipos de Dinamización Lingüística de todos os centros. As palabras escollidas debían aparecer nalgún dos títulos das obras da autora á que se dedica este ano 2018 o Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno.
1. 2. Edición e publicación do libro V Festa das Palabras, Dinamizaestrada. Textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas.
Descrición.
Publicación dos textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas nun libro dunhas 90 páxinas cos textos premiados en todas as categorías e modalidades. (Achéganse as bases do concurso). Realizarase unha tiraxe de 600 exemplares, que serán repartidos aos gañadores e gañadoras do certame e entre todos os centros participantes. Contarase coa colaboración da deseñadora e ilustradora Rosa de Cabanas para o deseño da portada do mesmo. No libro incluiranse ilustracións realizadas polo alumnado de infantil de todos os centros de primaria, de cara a favorecer a participación do alumnado desta etapa na actividade. As ilustracións serán escollidas polo xurado do concurso e farán referencia ás palabras utilizadas para o concurso de microrrelatos e micropoemas.
Realización dun marcapáxinas coa imaxe utilizada para o libro e para a campaña en xeral. 4000 exemplares para distribuír entre todos os centros.
1.3. Festa das palabras.
Descrición.

A quinta edición da festa das palabras consistirá na entrega de premios dos concursos literarios no Teatro principal da Estrada a todos os gañadores e gañadoras do certame e celebrarase o próximo 23 de maio. A presentación e a condución da festa será realizada por alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez, ao que corresponde este ano esta tarefa. Actuación musical a cargo de Gabriel Estrada (Plan Siberia) recente gañador do concurso da canción do verán en galego da TVG.  Participación dunha escritora como madriña dos premiados/as e da Festa: nesta edición foi escollida o escritora e contadora Paula Carballeira Cabana, que fará unha intervención na entrega de premios e que aparecerá publicada no libro editado. Participará o profesorado de todos os centros e representantes das ANPAS na entrega dos premios. Tamén se contará con representación do Concello da Estrada no mesmo, entidade colaboradora da actividade. Encargarase o deseño do cartel anunciador do evento á mesma persoa que leva a cabo o deseño do libro.

Podedes ver as bases no apartado Concursos.