Páxinas

domingo, 4 de xuño de 2023

CORRELINGUA

 O pasado mércores celebramos a festa do Correlingua na Estrada. Xuntámonos unha morea de centros educativos do  noso concello e outros da contorna para festexar esta carreira reivindicativa a favor da lingua galega. Como vén sendo nos últimos anos, a presentadora foi Isabel Risco, que nos dou a benvida a todos/as.




 O tempo acompañou e fixemos o percorrido habilitado para a ocasión. Había moita xente pola rúa, por ser día de feira, e quen máis e quen menos, atopamos caras coñecidas que responderon cun sorriso á nosa marcha lingüística.

Fixemos dorsais e pancartas para facer máis visible o lema deste ano: Na casa, na escola, bota a lingua fóra. 





Despois de que botaramos a lingua fóra pola Estrada, voltamos á Praza do Concello, onde cantamos e bailamos coa Mekanika Rolling Band.














Despois de facerlles entrega a cada colexio dunha bolsa con agasallos en forma de libros, fixemos a solta de globos, con desexos para a lingua galega escritos neles e que pintaron de cores o ceo estradense. Boa viaxe e un camiño sen atrancos  para a lingua galega!






















mércores, 17 de maio de 2023

REGUEIFA-RAP DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023

 Hoxe que é día das Letras Galegas, que mellor para renderlle homenaxe ao noso idioma que facelo mediante unha regueifa-rap. Aquí tendes este magnífico traballo feito polo alumnado de 6º C de EI, o que demostra que no Ceip de Figueiroa hai unha canteira que vén pisando forte. Feliz Día e Felices Letras!





domingo, 14 de maio de 2023

OS TERRRIBLES DE DONAS

 Para dar comezo ás actividades que levaremos a cabo no noso colexio para festexar unha nova edición das Letras Galegas, que mellor que comezar cunha festa . O grupo de música tradicional máis lonxevo de Galicia, no cal un dos integrantes comezou dende neno e aínda forma parte del, visitounos o pasado mércores. Falamos de Os Terribles de Donas. Son da parroquia de Donas, do concello de Gondomar. E viñeron ata aquí para ofrecernos un marabilloso concerto didáctico no que puidemos cantar, tocar e coñecer diversas particularidades dos intrumentos musicais que os acompañaban. Ao finalizar asinaron no noso Libro de Visitas, como xente importante que son e que deixaron unha lembranza entrañable en nós. 

Pola Lei de Protección de datos non aparecen aquí fotografías do alumnado, pero si do grupo, que nos agasallou con un cd do seu repertorio musical.

Foi unha bonita experiencia contar con eles. Seguiremos celebrando as Letras e que siga a festa!

A actuación tivo lugar no patio cuberto.


martes, 9 de maio de 2023

UNIDADES DIDÁCTICAS SEMINARIO GALÁN

Francisco Fernández del Riego - Wikipedia, a enciclopedia libre

 

Para poder ver ou imprimir as unidades, pica neste enlace:  SEMINARIO GALÁN 2023

BIOGRAFÍA DE FERNANDO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

 



Como seguro que xa sabedes, este ano o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas é Francisco Fernández del Riego. Aquí tendes unha das moitas biografías publicadas con motivo deste evento tan importante e lembrade que no  colexio podedes empregar os libros que están a disposición de quen os queira consultar:








 Francisco Fernández del Riego, nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913, é unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega.
     Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.
     Xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. Desta iniciativa xurdiu a revista Grial (1963), que Del Riego dirixiu en colaboración con Piñeiro durante os primeiros cen números e onde participaría asiduamente con artigos e recesións literarias.
    Autor dunha extensa obra, o intelectual galeguista cultivou o ensaio sobre a cultura e a literatura galegas (Cos ollos do noso esprito, 1949-; Historia da literatura galega, 1951; Galicia no espello, 1954; Diccionario de escritores en lingua galega, 1990; A xeración Galaxia, 1996) e estranxeiras (Letras do noso tempo, 1974; Escritores de Portugal e do Brasil, 1984), a narrativa (O cego de Pumardedón, 1992; Mondoñedo, 1992) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, 1983; O camiño de Santiago, 1992; Galicia, 1994). Redixiu varias biografías (Ánxel Casal e o libro galego, 1983; Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998), deu ao prelo dúas antoloxías poéticas (Do dezanove ós continuadores, 1976; Do posmodernismo ós novos, 1980), editou varios vocabularios galego-castelán e asinou innúmeros artigos xornalísticos. Tamén publicou un libro de memorias, O río do tempo (1991).
     Foi director da Real Academia Galega, entidade en que ingresara en 1960 cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, e da Biblioteca da Fundación Penzol.
     Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, etc.). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.

Biblioteca Virtual Galega


domingo, 26 de marzo de 2023

CELEBRANDO A POESÍA

 Para celebrar o Día da Poesía, estivo na biblioteca  do noso colexio Anxo Iglesias, autor do libro de poesía Unha nova dimensión.


A sinopse do libro é a seguinte:

A partir do concepto xeométrico de dimensión artéllase este delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. Ler «Unha nova dimensión» é asistir a un festival de creatividade. É un estímulo para a imaxinación!

E damos fe de que todos os asistentes desfrutaron un montón con esta visita. Que o Día da Poesía o poidamos celebrar todo o ano!








MURAL DE ROSALÍA

 O pasado 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía. Ademais das actividades que xa apareceron reflectidas neste blog, cada aula ilustrou un verso do poema Cantarte hei, Galicia, de Cantares Gallegos. Mirade que ben quedou o conxunto dos debuxos! Tamén vos queda aquí o poema, por se vos apetece recitalo, pois nunca pasará de moda.





Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.
Cal ela, ningunha
tan doce que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
Cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento,
cal fartan de dichas
compridos deseios.
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga:
Cantar, cantareille
de noite e de día,
por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños,
buscaime antre os robres,
buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
(De Cantares gallegos)

E para rematar, seguro que vos vai gustar esta fantástica interpretación:

domingo, 19 de marzo de 2023

GAÑADORES E GAÑADORAS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS E MICROPOEMAS 2023

Noraboa aos gañadores e gañadoras desta nova edición do concurso de microrrelatos e micropoemas que convoca cada ano Dinamizaestrada! Son os seguintes:

MICROPOEMAS:

A1: Sara López Collazo. 1º

A2: Nerea Calviño Brea. 4º

A3: India Vicente Sánchez. 5º

MICRORRELATOS: 

A1: Leo Fontao Collazo. 2º

A2: Noa Couto Neira. 4º

A3: Valentina Fernández Rodríguez. 5º


Para máis información picade neste enlace:

http://proxectodelingua.blogspot.com/

mércores, 8 de marzo de 2023

UNHA MULLER TRABALLADORA: ROSA DE CABANAS

 

Hoxe estivo no noso colexio Rosa de Cabanas, a deseñadora gráfica estradense que tivo a ben compartir con nós este Día da Muller Traballadora. E o motivo foi o de darlles a coñecer aos alumnos e profesorado do centro a súa exposición Mulleres Valentes. Os nenos e nenas de 6º A, B e C puideron escoitar todo o proceso dende o inicio ata a finalización da mesma, tendo en conta que a versión completa poderémola ver no casino da Estrada estes días. Aínda así, o corredor da bilblioteca convertiuse nun espazo privilexiado de arte feita no noso concello.


Tódalas ilustracións corresponden a mulleres loitadoras que destacaron nun eido determinado da cultura, da ciencia, das artes,.. e que tiveron que facerse ver nun mundo -en moitos casos- deseñado por e para os homes.




Para Mamalola, Xela Arias, Maruxa Mallo, Loli Camba, Eileen Gray, Lolita Díaz Baliño, Camille Claudel, Marga Gil Roësset, Rosalía de Castro, Teresa Wilms Montt, María Casares, Clarice Lispector, Virxina Pereira, Lina Bo Bardi, Carolina Otero, María Miramontes, María Antonia Dans, Amparo López Jean, Dionisia López Amado, Jimena Fernández de la Vega, Maruxa e Coralia Fandiño, Elisa Patiño, Finita Gay, Irene González Basanta, Rita Fernández Queimadelos, Sofía Casanova, María Victoria Moreno, Marcela e Elisa, Antonia e Consuelo Rodríguez López, Urania Mella, Francisca Morlán, María Docampo, Xulia Minguillón, Luísa Villalta, Juana Capdevielle, Ana Kiro, Maruja Roca, María Antonina Sanjurjo Aranaz, María Luz Morales, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, Maruxa das Cortellas, Emilia Pardo Bazán, María Wonemburger, Mercedes Núñez Targa, Emilia Docet, Concepción Arenal, Rosario Hernández Diéguez, Áurea Rodríguez, Celia Rivas, Anisia Miranda, Carmen Arias, Ruth Matilda Anderson,. MOITAS GRAZAS POR ESTE LEGADO QUE NOS DEIXASTES E QUE SEGUE SENDO NECESARIO LEMBRAR EN DÍAS COMA HOXE! A través dos trazos de Rosa, puidemos saber máis da vida destas mulleres valentes que non tiveron medo de iniciar o camiño cara a igualdade a través do seu traballo e dos seus actos. 

Moitas grazas tamén a Rosa, por ir contándonos con tanta emoción como foi creando esta obra tan bonita e tan reveladora a través das súas protagonistas. É unha maneira de dinamizar a lingua galega, aparecendo coma referente universal, Rosalía de Castro.

 Rosa de Cabanas no noso Faro da Escola o curso pasado:

                                         

 
Para comezar, Rosa fíxonos un cartel ben bonito da exposición e os nenos e nenas de 6º tamén aportaron a súa creatividade:

 

 E dixéronlle unhas palabras de benvida:
 





Despois do recibimento, pasamos á biblioteca, onde nos contou o proceso de realización destas ilustracións:







Os outros alumnos tamén visitaron posteriormente a exposición e fixeron algúns traballiños sobre ela:
 


ATA PRONTO, ROSA!







mércores, 1 de marzo de 2023

DÍA DE ROSALÍA NO PRINCIPAL

O Día de Rosalía tivo lugar no Teatro Principal na tardiña do xoves, como estaba previsto. Lola, Manuel e Lois recitaron estupendamente os dous poemas que levaban preparados. Ademais da participación dos colexios da Estrada, puidemos ver a gravación da canción para conmemorar este día e á que nos convidou o concello da Estrada. O grupo musical é Plan Siberia. Podedes vela aquí:


 




                                Foto conxunta dos nenos e nenas participantes no recitado.


mércores, 22 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

Xa estamos outra vez celebrando a conmemoración do nacemento da nosa escritora máis internacional. Este ano, cada clase ilustará un verso do poema Cantarte hei, Galicia, de Cantares Gallegos. Tres nenos e nenas do noso colexio irán ao Teatro Principal a recitar este e outro poema máis. A continuación, podedes descargar actividades relativas a esta data tan importante e que están pensandas para alumnado de 4º de EP en adiante. Están elaboradas polo Ceip Luís Seoane en colaboración con outras entidades. Esta é a dirección que tendes que pegar no buscador: http://edugaliza.org/rosalia.

venres, 3 de febreiro de 2023

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

Durante esta semana, e con motivo dunha nova conmemoración do asasinato do líder pacifista Mahatma Gandhi, celebramos o Día da Paz. Pero ademais de falar da súa vida e homenaxear os seus actos, aproveitamos para realizar diferntes actividades relacionadas coa paz e coa idea dun mundo mellor e máis xusto. Aquí tendes algunhas fotos dos papaventos con palabras da paz, o abecedario e as mans dos nenos e nenas como símbolo da unión das persoas.

luns, 16 de xaneiro de 2023

X EDICIÓN DO CONCURSO DE MICROPOEMAS E MICRORRELATOS

Comeza unha nova edición (e xa van 10) do concurso literario no que participamos tódolos colexios da Estrada. Dende Dinamizaestrada animámosvos a que escribades as vosas obras, pois ver o voso relato ou poema publicado nun libro xunto cos de tódolos gañadores-as, non é calquera cousa.. Deixade voar a imaxinación!
Aquí tendes as bases:  

Bases X Concurso de Microrr... by elogolosada