Páxinas

mércores, 17 de maio de 2023

REGUEIFA-RAP DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023

 Hoxe que é día das Letras Galegas, que mellor para renderlle homenaxe ao noso idioma que facelo mediante unha regueifa-rap. Aquí tendes este magnífico traballo feito polo alumnado de 6º C de EI, o que demostra que no Ceip de Figueiroa hai unha canteira que vén pisando forte. Feliz Día e Felices Letras!





domingo, 14 de maio de 2023

OS TERRRIBLES DE DONAS

 Para dar comezo ás actividades que levaremos a cabo no noso colexio para festexar unha nova edición das Letras Galegas, que mellor que comezar cunha festa . O grupo de música tradicional máis lonxevo de Galicia, no cal un dos integrantes comezou dende neno e aínda forma parte del, visitounos o pasado mércores. Falamos de Os Terribles de Donas. Son da parroquia de Donas, do concello de Gondomar. E viñeron ata aquí para ofrecernos un marabilloso concerto didáctico no que puidemos cantar, tocar e coñecer diversas particularidades dos intrumentos musicais que os acompañaban. Ao finalizar asinaron no noso Libro de Visitas, como xente importante que son e que deixaron unha lembranza entrañable en nós. 

Pola Lei de Protección de datos non aparecen aquí fotografías do alumnado, pero si do grupo, que nos agasallou con un cd do seu repertorio musical.

Foi unha bonita experiencia contar con eles. Seguiremos celebrando as Letras e que siga a festa!

A actuación tivo lugar no patio cuberto.


martes, 9 de maio de 2023

UNIDADES DIDÁCTICAS SEMINARIO GALÁN

Francisco Fernández del Riego - Wikipedia, a enciclopedia libre

 

Para poder ver ou imprimir as unidades, pica neste enlace:  SEMINARIO GALÁN 2023

BIOGRAFÍA DE FERNANDO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

 



Como seguro que xa sabedes, este ano o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas é Francisco Fernández del Riego. Aquí tendes unha das moitas biografías publicadas con motivo deste evento tan importante e lembrade que no  colexio podedes empregar os libros que están a disposición de quen os queira consultar:








 Francisco Fernández del Riego, nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913, é unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega.
     Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.
     Xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. Desta iniciativa xurdiu a revista Grial (1963), que Del Riego dirixiu en colaboración con Piñeiro durante os primeiros cen números e onde participaría asiduamente con artigos e recesións literarias.
    Autor dunha extensa obra, o intelectual galeguista cultivou o ensaio sobre a cultura e a literatura galegas (Cos ollos do noso esprito, 1949-; Historia da literatura galega, 1951; Galicia no espello, 1954; Diccionario de escritores en lingua galega, 1990; A xeración Galaxia, 1996) e estranxeiras (Letras do noso tempo, 1974; Escritores de Portugal e do Brasil, 1984), a narrativa (O cego de Pumardedón, 1992; Mondoñedo, 1992) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, 1983; O camiño de Santiago, 1992; Galicia, 1994). Redixiu varias biografías (Ánxel Casal e o libro galego, 1983; Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998), deu ao prelo dúas antoloxías poéticas (Do dezanove ós continuadores, 1976; Do posmodernismo ós novos, 1980), editou varios vocabularios galego-castelán e asinou innúmeros artigos xornalísticos. Tamén publicou un libro de memorias, O río do tempo (1991).
     Foi director da Real Academia Galega, entidade en que ingresara en 1960 cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, e da Biblioteca da Fundación Penzol.
     Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, etc.). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.

Biblioteca Virtual Galega