Páxinas

martes, 25 de maio de 2021

FESTA DAS PALABRAS

 O vindeiro día dous de xuño terá lugar no Teatro Principal o acto simbólico da Festa das Palabras, que non pode contar coa asistencia de tódolos gañadores e gañadoras polo protocolo do covic. Pero no noso colexio quixemos homenaxear a eses pequenos grandes escritores e escritoras que temos en lingua galega. Para iso fixémoslles entrega destes diplomas que todos recibiron con moita ilusión:


Seguide participando!

SEMANA/S DAS LETRAS GALEGAS

    A data das Letras Galegas xa pasou pero nós debemos celebralas durante todo o ano. Ata o final de curso quedarán expostas as actividades que realizamos estes días para homenaxear a Xela. A gravación do vídeo para o Correlingua e a participación no concurso de banda deseñada publicarémola cando sexa posible facelos públicos. O mix cos poemas de Rosalía de Castro e o vídeo cos debuxos do seu poema que eleximos para o 24 de febreiro tamén están en camiño. Xa iremos dando conta neste blog destas cousas que vos vou contando..!

O primeiro que fixemos foi debuxar a contorna desta imaxe que nos gustou tanto:


E despois fixemos un puzzle con ela e cada clase decorou unha peza á súa maneira.



Tamén  tivemos unha exposición cos seus libros e traducións.


E como non, un traballo colectivo de homenaxe ás Letras.





En algunhas aulas quixeron honrar con frases fermosas a lingua galega:






Seguiremos durante todo o ano celebrando que temos un idioma propio!

mércores, 19 de maio de 2021

ACTIVIDADES SOBRE XELA ARIAS

 Os nenos e nenas de 5º   de EP do noso colexio fixeron con motivo das Letras Galegas un audioconto basado nun relato que escribiu Xela aos once anos e que se titula A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia. Mirade que bonito lles quedou:



xoves, 6 de maio de 2021

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS CON XELA

 

A RAZÓN DE SER DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

.A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro " Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.

"Cantares Gallegos", está considerada como a obra literaria que inicia o "Rexurdimento" da literatura e da cultura galega moderna.

A proposta de celebrar ese Día foi formulada por tres membros da Real Academia Galega, Manuel Gómez, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.

A primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi a mesma Rosalía de Castro seguíndolle en anos posteriores: Alfonso Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, López Cuevillas...

Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, dende Habana, deron os primeiros pasos para a creación dun organismo que loitara pola lingua e a cultura galega e así, un 30 de setembro de 1906 celebrouse no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña a constitución e primeira reunión da Real Academia Galega.

A primeira sede foi no Pazo Municipal de A Coruña, pasando posteriormente a un edificio da Rúa Tabernas, propiedade dunha das académicas, a condesa de Pardo Bazán.

O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro.

A Real Academia Galega celebrou o ano 2006 os seus cen primeiros anos de historia.

NESTE ANO 2021 A AUTORA HOMENAXEADA É UNHA MULLER QUE A PESARES DE QUE TIVO UNHA VIDA CURTA, ESTA ESTIVO CHEA DE ACTIVIDADES PARA CONTRIBUIR AO DESENVOLVEMENTO DA LINGUA GALEGA.

                                     BIOGRAFÍA DE XELA ARIAS


Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.

Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.

En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.

De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.

Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).

En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.

Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Sen abandonar as anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.

A súa morte en 2003, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.



SE PICADES NESTE ENLACE PODEDES ACCEDER ÁS ACTIVIDADES PROPOSTAS ESTE ANO POLO SEMINARIO GALÁN PARA COÑECER MÁIS DE CERCA A  XELA:



E AQUÍ TENDES DIFERENTES GENIALLIES SOBRE ELA. ALGÚNS TRATAN A SÚA VIDA PERSOAL E LITERARIA EN XERAL  E OUTROS CÉNTRANSE MÁIS NALGÚN DESTES DOUS ASPECTOS.

      XELA 1

     XELA 2

                                                    XELA 3  OS SEGREDOS DE XELA

                             XELA 4   BIOGRAFÍA

                                                        XELA 5    PÍLULAS DE XELA ARIAS

                                 XELA 6   UN CONTIÑO

         XELA 7   

                                   XELA 8  A TRADUCIÓN

       XELA 9

         XELA 10


QUE PASEDES UN BO DÍA DAS LETRAS!








mércores, 5 de maio de 2021

SOBRE ROSALÍA...

Xa fai unhas semanas que o marabilloso tapiz de Rosalía de Castro que elaborou a Asociación de Mulleres Femininistas de A Estrada, deixou o noso colexio. Colocámolo na entrada ao mesmo para que tódolos alumnos puideran admirar esta obra de arte, que ademais de ser preciosa dende o punto de vista estético, é moi valiosa tamén dende o reivindicativo. Para que quede como lembranza deixo estas fotos para que non esquecemos o papel que tivo a nosa escritora máis universal como loitadora dos desfavorecidos, e como non,neste caso,  das mulleres.






Tecín soa a miña tea...

Nós seguiremos celebrando durante todo o curso que o sentimento libertador de Rosalía estará sempre con nós a través das súas letras!

Unha vez que tivemos que retirar o tapiz arriba referido, aproveitamos para colgar no taboleiro os debuxos feitos para o concurso da Deputación de Pontevedra e que bautizamos como Rosalía con valentía:



Que ben quedan os traballos en equipo! Noraboa a tod@s!