Páxinas

martes, 26 de maio de 2020

VII FESTA DAS PALABRAS

Este ano non sabemos se poderemos celebrar a Festa das Palabras pola situación extraordinaria que estamos vivindo. Sen embargo, iso non impide seguir traballando na edición do libro que contén os microrrelatos e micropoemas gañadores. Para ir adiantándonos aos acontecementos, podedes ver aquí os textos de tódolos centros educativos de A Estrada. Todo isto quedará recollido nun fermoso libro cuxa portada e contraportada corresponde á deseñadora estradense Rosa de Cabanas. 

POEMAS

1º CICLO:

Teño un amigo que un día marchou do colexio e todos os amigos sentíronse moi tristes e botábano en falta. Unha mañá atopei unha carta sorpresa na que dica ía que estaba ben. Agora estou contenta polo noso amigo.

Xulia Abet Matalobos. 1º.


2º CICLO:

Cando espertei unha mañá de verán atopábame na casa da miña tía no campo. Fun buscar ao meu amigo Xoel. Fun ata a súa casa, chamei ao timbre pero non estaba.
Busqueino na horta do Barreiro pero non se atopaba alí. Fun ata a praia e  tampouco. Cando voltei á casa estaba moi cansa, case non  tiña alentó. Cando estaba ceando tocaron ao timbre e pensei: Será Xoel? Cando fun abrir..Si! Exactamente era el!! E díxome:
 -Aroa, onde estabas? Estívente buscando!
-Pero se a que te estiven buscando fun eu a ti!-respondín entre gargalladas.

Aroa Pereira Dapena. 4º

                                          O Tesouro
.
O noso amigo Mateo, a miña amiga María e eu estábamos xogando á búsqueda do tesouro. Meus pais tiñan preparadas todas as pistas, as tres pistas. A primeira atopouna María e dicía: “Ollade á dereita e veredes a paz.

Ao principio non a entendemos, pero despois atopamos un arbusto co símbolo da paz, e alí atopou Mateo a segunda pista: “Atopade o amor”. Todos demos un xiro e vimos unha mesa cun corazón debuxado e alí atopei eu a terceira pista, que poñía: “O tesouro primeiro”. Entón todos corremos ata o principio e..decatámonos de que o tesouro era pasar xuntos a tarde.

Candela Rivas Neira. 6º.




RELATOS


1º CICLO:

Bos días, pelo!
Que tal, cabelo?
Digo pola mañá, diante do espello.
Ímonos preparar para ir de paseo!

Mateo Constenla Docampo. 2º.


2º CICLO:
Diferentes cabelos


Cabelos de cores
cabelos bonitos,
no mundo hainos
todos tipos.
Longos, curtos,
loiros e morenos,
cantas formas
de ter o cabelo!

Eva Calvelo Rivas. 4º.


3º CICLO:

O teu cabelo
Cabelo amarelo,
cor do marmelo,
fermosa cor
ten o cabelo do meu amor.
Gústame a cor
e o marmelo,
pero o que máis me gusta
é o teu cabelo!

Leo Castro Cambeiro. 5º A.




mércores, 6 de maio de 2020

UNHA EXPERIENCIA VITAL

Aquí tendes unha actividade excepcional:O meu paso polo quirófano, un álbum ilustrado editado pola SXPL para axudarlles ás rapazas e aos rapaces hospitalizados a pasar polo transo dunha intervención cirúrxica. Podedes descargar este libro interactivo copiando esta ligazón:
https://www.lingua.gal/recursos/todos?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/promovelo/contido_421.html

LETRAS GALEGAS 2020

Que tal estades, amiguiños e amiguiñas? Aínda que estamos vivindo o paso do tempo dunha maneira diferente, non podemos esquecer que a vida segue adiante, e con ela tódalas cousas bonitas que imos celebrando durante o curso, por exemplo a celebración das Letras Galegas, que xa sabedes que é o 17 de maio, coma tódolos anos, e este ano está adicado a Ricardo Carvalho Calero. Aínda que as circunstancias actuais impiden que os actos de recoñecemento ao autor se leven a cabo coma tódolos anos, nós dende a casa podemos homenaxealo facendo unha serie de actividades coas que aprenderemos un montón de cousas sobre a 
súa obra e ao mesmo tempo é unha boa maneira de entreternos e pasalo ben. Comezamos coa súa biografía e despois pasamos ás actividades que, como cada ano, nos ofrece o Seminario Galán.

BIOGRAFÍA (de O Portal da Lingua Galega)

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago de Compostela. Sobresaíu como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor, e adicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galegas.


Tras os primeiros estudos na súa cidade natal, en 1926 chegou a Santiago para estudar Dereito. Alí entrou en contacto co galeguismo articulado arredor do Seminario de Estudos Galegos, no que ingresaría en 1927. Nesta etapa, redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade, participou na fundación do Partido Galeguista en 1931 e na redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Tamén escribiu artigos en A Nosa Terra e na revista Nós e publicou as súas primeiras obras, como Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934).
En 1931 volveu a Ferrol para traballar como administrativo municipal e desde alí cursou por libre a carreira de Filosofía e Letras. O golpe militar sorprendeuno en Madrid cando opositaba á cátedra de Lingua e Literatura españolas de ensino medio e incorporouse á loita como miliciano. Ao acabar a guerra, foi condenado a doce anos de cárcere. En 1941, regresou a Ferrol, en liberdade condicional mais imposibilitado para acceder a cargos públicos. Sobreviviu dando clases no ensino privado, nun silencio obrigado (as pezas teatrais A Arbre, Farsa das Zocas e A sombra de Orfeo, escritas en 1948, non verían a luz ata moito despois). As lembranzas deses anos quedaron inmortalizadas na súa novela Scórpio (1987), Premio Nacional de Literatura.
En 1950 trasladouse a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi e retomou a súa produción poética, coas obras Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados de un cabelo (1952). En 1951, publicou A xente da Barreira, a primeira novela galega da posguerra.
Nesta década, comprometeuse coa Editorial Galaxia na revitalización da cultura galega, colaborou en Grial, na prensa especializada e no xornal La Noche e consagrouse como o principal estudoso das letras galegas con Sete poetas galegos (1955) e Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955), froito da súa tese de doutoramento. En 1958, ingresou na Real Academia Galega cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía. O froito máis valioso neste campo foi a súa Historia da literatura galega contemporánea (1963, completada en 1975).
En 1965 incorporouse como agregado ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e empezou a impartir clases de galego na Universidade compostelá (á que se dedicaría de forma exclusiva desde 1972). Foi o primeiro docente universitario de Lingüística e Literatura Galegas e, a partir do 72, o primeiro catedrático.
As publicacións relacionadas coa lingua galega e a súa codificación tamén centraron a súa atención. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) tivo sete edicións ata 1979 e foi un manual imprescindible para os primeiros estudantes universitarios de Filoloxía Galega. Así mesmo, participou na elaboración, por encargo da RAG, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971). De 1975 en diante, comezou a defender os postulados reintegracionistas, en especial tras o fracaso da proposta normativa da Comisión de Lingüística, presidida por el, en 1979. De feito, a derradeira década da súa vida estivo caracterizada pola atención prioritaria aos problemas da lingua e ao desenvolvemento da proposta reintegracionista.

Se queres afondar máis na súa vida e obra podes picar neste enlace, onde tamén atoparás unha chea de actividades por niveis educativos para Educación Infantil e Primaria:

Non esquezades que podemos vivir as Letras Galegas sempre que queiramos porque elas están en nós!!