Páxinas
martes, 18 de xuño de 2024
Dinamiza TV 24 - CEIP Figueiroa
venres, 31 de maio de 2024
FOTOS DA FESTA DAS PALABRAS
A semana pasada tivo lugar a Festa das Palabras no Teatro Principal. Foi un acto moi emotivo no que os gañadores e gañadoras subiron ao escenario coller o agasallo que que os obsequiaba Dinamizaestrada: un caravel e o libro que contén os textos do concurso.
Aquí tendes as fotos desta festa da cultura e da literatura xove que agroma con forza na Estrada.
Ata a próxima edición e noraboa a tódolos participantes e en especial aos que foron seleccionados!
martes, 21 de maio de 2024
FESTA DAS PALABRAS
O mércores 22 de maio terá lugar a Festa das Palabras, que este ano presenta unha nova edición. Será ás oito da tarde no Teatro Principal. Escoitaremos ao padriño do evento, Carlos Loureiro, desfrutaremos dunha bonita actuación musical e veremos como os gañadores e gañadoras suben ao escenario a recoller o seu agasallo. Vémonos alí!
Para obter máis información podedes picar neste enlace: Festa das Palabras
domingo, 19 de maio de 2024
CELEBRANDO AS LETRAS CON SUSO VAAMONDE
A semana pasada fixemos no colexio unha serie de actividades que foron o preludio da gran festa que ía vir o venres 17 de maio: a celebración do Día das Letras Galegas. Xa sabedes que a autora homenaxeada este ano, Luísa Villalta, ademais de escritora tamén tiña unha gran vocación musical que levou á práctica tocando varios instrumentos: comezou a tocando a guitarra e o piano, pero descubriu que a súa auténtica paixon ía ser o violín, o violino, como lle chamaba ela.
E que mellor, para honrar esta faceta de Luísa, que convidar ao noso colexio a un gran músico de instrumentos populares galegos: Suso Vaamonde. Centrou a súa intervención en tres deles: a zanfona, o acordeón e a gaita. Explicou o seu funcionamento e tamén nos deleitou interpretando varios temas nos que os nenos e nenas acompañaron coas palmas e tamén cantando. O alumnado de 4ºA cantou un rap sobre Luísa Villalta e tocou diversos instrumentos. Fixérono de marabilla!
Aquí tendes varias fotos nas que podedes ver diferentes momentos da actuación. Foi incrible! Ata outra, Suso!
E tamén hai que agradecerlles aos nenos e nenas de 4ºA e ás súas profes que nos ofreceran esta actuación musical tan especial!
luns, 13 de maio de 2024
INFORMACIÓN DE LUÍSA VILLALTA
O Día das Letras Galegas xa está máis preto e aquí tendes este enlace no que atoparedes datos da vida desta escritora e música tan importante para a cultura galega. Tamén hai vídeos e traballos feitos para esta celebración. Picade aquí: Vida e obra de Luísa Villalta
mércores, 1 de maio de 2024
SEMINARIO GALÁN LUÍSA VILLALTA
Aquí tendes o enlace para visualizar ou descargar a vida e obra da escritora homenaxeada este ano polas Letras Galegas. Feliz Lingua!
ROTEIRO LITERARIO CON XOSÉ LUNA
A semana pasada os alumnos e alumnas de 2º de EP tiveron a sorte de asistir a un roteiro literario guiado por Xosé Luna, mestre e escritor estradense.
O motivo desta fantástica ocasión de compartir un tempo precioso dende o punto de vista literario e persoal foi o de ir vivenciando diversos lugares que aparecen no seu poemario Camiñando camiñando.
Estes lugares forman parte da traxectoria vital de Xosé Luna, que naceu e vive na Estrada.
Reunímonos no parque e unha das primeiras sorpresas foi que o alcalde baixou do concello a ler un poema deste libro.
Despois seguimos o percorrido, pasando pola rúa Bedelle e a súa antiquísima cerdeira ata chegar á Carballeira do Chocolateiro.
En cada parada lemos un poema.
Finalmente, e despois de pasar pola Porta do Sol e de que Xosé nos convidara a churros e case rematadas as recitacións, dispuxémonos a marchar.