Páxinas
xoves, 15 de decembro de 2022
PARLADOIRO CON ESTHER ESTÉVEZ
venres, 9 de decembro de 2022
VÍDEO DE A GALIÑA AZUL DO ALUMNADO DE 6ºC
sábado, 3 de decembro de 2022
FOTOS DA FESTA DA POESÍA
Pois a Festa da Poesia xa pasou e aquí vos quedan estas fotos para que poidades ver o vistosos que quedaron os participantes, tanto as nenas que recitaron os poemas de terror e romanticismo coma os que fixeron a poción máxica para ser un bo poeta! Así fixemos mención aos xéneros máis comúns dos que se serve o cine, tema central do Proxecto Documental Integrado deste ano. Luces, cámara e acción!!
Os nenos e nenas do Ceip de Figueiroa en acción:
xoves, 1 de decembro de 2022
FESTA DA POESÍA
Hoxe participaremos co noso Poemario de Cine á Festa da Poesía, que será no Teatro Principal ás oito da tarde. Vémonos alí!
NOVO LIBRO DE XOSÉ LUNA
Velaquí tendes o novo libro do noso veciño e amigo Xosé Luna. Podedes asistir á súa presentación, que terá lugar o luns 5 de decembro ás 19:00 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carbajal, 5).
PARTICIPARÁN NO ACTO DE PRESENTACIÓN:
JOSÉ LUIS TROITIÑA MOTA
Xerente do Liceo
ARMANDO REQUEIXO
Profesor, escritor, investigador e crítico literario
BEATRIZ QUINTELA
Directora do IES nº1 da Estrada
OLAYA NAVEIRA
Ilustradora do libro
VALENTÍN GARCÍA
Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
XOSÉ LUNA
Autor do libro
RECITAL MÚSICO POÉTICO
MARÍA DO CEO
MANOELE DE FELISA
JAVIER MIRANDA
Música en directo
ALUNMNADO DO CEIP A PONTE
ALUMNADO DO CEIP VIRXE DA PENA DA SELA
O acto será presentado por Susana Godoy
(mestra do Ceip A Ponte)
ESTADES TODOS/AS CONVIDADOS/AS A ESTE EVENTO TAN IMPORTANTE PARA AS NOSAS LETRAS!
martes, 29 de novembro de 2022
MOSTRA DE TEATRO DON OLIMPIO ARCA
Hoxe asistimos, un ano máis, a unha nova edición do teatro escolar Olimpio Arca. Os nenos e nenas do noso colexio representaron unha adaptación do conto de Carlos Casares, aproveitando que onte foi o 20 aniversario do seu falecemento. Aquí tendes algunhas fotos desta magnífica actuación dos nenos e nenas de 6ºC, baixo a dirección da profe Celeste e o apoio musical da profe Rebeca.
Estupendo traballo, rapaces e rapazas!
martes, 22 de novembro de 2022
CERTAME DE TEATRO ESCOLAR OLIMPIO ARCA
O vindeiro martes, día 29 de novembro, temos unha cita no Teatro Principal para asistir ás actuacións teatrais dos nosos compañeiros dos outros centros educativos do noso concello. Nós imos interpretar unha adaptación de A galiña azul, de Carlos Casares. Os encargados son os magníficos actores e actrices de 6º C de EP, baixo a dirección da profe Celeste. Estades todos convidados/as a achegarvos ata o teatro!
mércores, 2 de novembro de 2022
Colaboracións do Samaín
Estes días de Samaín aproveitamos para visitar aos nosos amigos e amigas e deixarlles as divertidas postais que fixemos entre todo o alumnado. E nós tamén recibidos postais bonitas, velaquí tendes unha mostra!
domingo, 23 de outubro de 2022
Parladoiro con Ledicia Costas
O pasado venres, 21 de outubro, asistiron dúas alumnas representando ao Ceip de Figueiroa ao Parladoiro que tivo lugar no Teatro Principal e que desta vez contou coa presenza da escritora Ledicia Costas. Elas fixéronlle unha pregunta cada unha sobre a súa obra. A continuación asinou nun libro da nosa biblioteca e tamén nos de Uxía e Irene, as nosas representantes.
O decorado do escenario lembraba o ambiente fúnebre de moitos dos seus libros.
mércores, 19 de outubro de 2022
Unidade didáctica do Magosto
Estes días estámonos preparando para a celebración do Samaín e do magosto.. Pasarémolo moi ben, pois poderemos vir disfrazados-as cando festexemos o Samaín ( o 28 de outubro) e comer castañas cando sexa o Magosto (o 11 de novembro). Aquí tendes unha unidade didáctica relativa ao magosto, para ir degustando este produto tradicional galego deste tempo de outono.
Benvida do EDLG e acceso a Unha lingua guapa
Que tal? Como vai todo? Este ano comezamos con máis forza ca nunca! Despois destes anos de pandemia, parece que por fin imos poder desenvolver o noso proxecto dunha maneira un pouco máis normalizada. Sabemos que aínda temos que obrar con cautela pero polo menos xa imos poder participar de maneira presencial en actos que pasaron a ser virtuais estes dous últimos cursos. Esperemos que isto non se torza e poidamos ter un ano de colaboracións satisfactorias para todos-as!
Este ano o Proxecto Documental Integrado está adicado ao cine. Dende o noso equipo, queremos promocionar e dinamizar a lingua galega, como idioma válido en tódalas situacións da nosa vida. Neste apartado, como en moitos outros, aínda queda moito por facer, pero para iso estamos nós aquí, por iso adaptamos o eixo vertebrador, que é o cine, as nosas actividades e diferentes intervencións e denominámolo Unha lingua de cine. Tendes as entradas? Pois veña, que entramos, todos-as somos benvidos-as!!
E que mellor maneira de comezar que indo, precisamente, a ver unha película. Esta non é unha película calquera, é moi especial, porque trata das orixes da lingua galega. Realizouna un colexio de Moraña a partires dunha idea de Fina Casalderrey.
Seguro que vos vai gustar e ides aprender un montón! Preparados-as!!
luns, 20 de xuño de 2022
OBRADOIRO CAMIÑO CIRCULAR
Hoxe, e para pechar as actividades relativas a este curso, veunos visitar Mar, da cooperativa estradense Camiño Circular. Ademais de pasalo moi ben, aprendemos moitas cousas dos produtos que se están elaborando no noso concello e moitos dos cales son descoñecidos para nós. Asi, puidemos ver que a nosa contorna produce leite, queixos, ovos, marmelada, mel, aceite, rosquillas, amorodos desecados,.. e todo da máxima calidade. Tamén, Mar explicounos a importancia que ten mercar na nosa zona, pois isto é moi importante para a dinamización do rural.
E como para crer hai que ver, ou mellor dito, probar, tróuxonos unha morea de produtos riquísimos dos que demos conta en tempo de nada, pois era case a hora do recreo e a fame xa se facía notar. E por riba, con estas cousas tan ricas.. Mirade, mirade.. A que se vos fai a boca auga?
Primeiro comezamos coas explicacións.
.. non puidemos resistirnos e atacamos!
Hummm! Que rico! Certamente, este obradoiro deixounos moi bo sabor de boca! Xa sabedes que os produtos co selo da Estrada teñen un plus de calidade engadido. Hai que probalos! E con isto despedímonos ata o vindeiro curso!! Felices vacacións a todos/as. E lembrade que hai que seguir dinamizando a lingua galega!
xoves, 2 de xuño de 2022
VÍDEO DA FESTA DAS PALABRAS
Xa puidestes ver as fotos da Festa das Palabras, pero se picades neste enlace podedes ver o vídeo que nos pasaron dende o Concello. Seguro que vos gusta!
luns, 30 de maio de 2022
FESTA DAS PALABRAS
O pasado mércores, 25 de maio de 2022, celebramos a novena edición da Festa das Palabras. Esta vez puideron asistir de maneira presencial tódolos gañadores e gañadoras, que escoitaron as palabras agarimosas da madriña, Rosalía Morlán. Tamén contamos coa actuacion do grupo cuntiense Favorita, que amenizou coa súa música o evento das letras, Aquí tendes as fotos desta festa tan especial e esencial para fomentar a creatividade entre os novos escritores e escritoras. Parabéns a todos/as!