Páxinas

martes, 27 de febreiro de 2018

DÍA DE ROSALÍA NO MOME

Estes días no noso colexio estamos  celebrando a Semana de Rosalía. Xa vos colgarei as fotos das cousiñas  tan bonitas que imos facendo! Hoxe fomos ao Mome para participar no Día de Rosalía, un acto ao que nos convidou o Concello. Dúas nenas de 5º, Nerea e Noa, recitaron o poema Cantarte hei Galicia do libro Cantares Gallegos, que estamos empregando para facer debuxos coas súas estrofas e pendurar  na entrada.
Velaquí o tendes:


 Cantarte hei, Galicia,
teus doces cantares,
que así mo pediron
á veira do mare.



   Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.


   Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.


   Cal ela, ningunha
tan doce que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,


   misterios da tarde,
murmuxos da noite:
Cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.


   Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.


   Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá que comenzo.


   Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.


   Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;


   de amabre consolo,
de soave contento,
cal fartan de dichas
compridos deseios.


   De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.


   Quen queira me chame,
quen queira me obriga:
Cantar, cantareille
de noite e de día,


   por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.


   Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños,
buscaime antre os robres,
buscaime antre os millos,


   nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.


   A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir,


   nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!



Vexamos ás nosas compañeiras:






                                                      


                                               
Ao final puidemos visualizar o vídeo que fixo o Concello cos nenos dos colexios e con outras persoas:

Podédelo ver no seguinte enlace: 

Vídeo de Rosalía Concello A Estrada


martes, 16 de xaneiro de 2018

XA ANDAMOS A VOLTAS COA FESTA DAS PALABRAS!

1. 1. V Concurso de microrrelatos e micropoemas dos Centros Educativos da Estrada.
Descrición.
Celébrase a quinta edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado pola Coordinadora Local de EDL, DINAMIZAESTRADA, que agrupa a todos os centros de primaria e secundaria do Concello da Estrada. Os microrrelatos deben conter a palabra FAIADO, e os micropoemas a palabra MAR. O proceso de elección tivo lugar no primeiro trimestre deste curso, e no mesmo participou o alumnado e o profesorado dos Equipos de Dinamización Lingüística de todos os centros. As palabras escollidas debían aparecer nalgún dos títulos das obras da autora á que se dedica este ano 2018 o Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno.
1. 2. Edición e publicación do libro V Festa das Palabras, Dinamizaestrada. Textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas.
Descrición.
Publicación dos textos premiados no concurso de microrrelatos e micropoemas nun libro dunhas 90 páxinas cos textos premiados en todas as categorías e modalidades. (Achéganse as bases do concurso). Realizarase unha tiraxe de 600 exemplares, que serán repartidos aos gañadores e gañadoras do certame e entre todos os centros participantes. Contarase coa colaboración da deseñadora e ilustradora Rosa de Cabanas para o deseño da portada do mesmo. No libro incluiranse ilustracións realizadas polo alumnado de infantil de todos os centros de primaria, de cara a favorecer a participación do alumnado desta etapa na actividade. As ilustracións serán escollidas polo xurado do concurso e farán referencia ás palabras utilizadas para o concurso de microrrelatos e micropoemas.
Realización dun marcapáxinas coa imaxe utilizada para o libro e para a campaña en xeral. 4000 exemplares para distribuír entre todos os centros.
1.3. Festa das palabras.
Descrición.

A quinta edición da festa das palabras consistirá na entrega de premios dos concursos literarios no Teatro principal da Estrada a todos os gañadores e gañadoras do certame e celebrarase o próximo 23 de maio. A presentación e a condución da festa será realizada por alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez, ao que corresponde este ano esta tarefa. Actuación musical a cargo de Gabriel Estrada (Plan Siberia) recente gañador do concurso da canción do verán en galego da TVG.  Participación dunha escritora como madriña dos premiados/as e da Festa: nesta edición foi escollida o escritora e contadora Paula Carballeira Cabana, que fará unha intervención na entrega de premios e que aparecerá publicada no libro editado. Participará o profesorado de todos os centros e representantes das ANPAS na entrega dos premios. Tamén se contará con representación do Concello da Estrada no mesmo, entidade colaboradora da actividade. Encargarase o deseño do cartel anunciador do evento á mesma persoa que leva a cabo o deseño do libro.

Podedes ver as bases no apartado Concursos.

martes, 12 de decembro de 2017

VISITA E AGASALLO DA EIM

Hoxe tivemos unha visita que nos gustou moito: a dos profes e nenos da Escola Infantil Municipal. Non viñeron todos, claro, que alguén tiña que quedar alí para facer as cousas.. Uns nenos e nenas moi pero que moi maiores trouxéronnos unha árbore de Nadal preciosa, feita por eles mesmos. Son uns artistas, iso xa o sabemos dende hai tempo. Tanto fan unhas manualidades chulísimas como cociñan uns postres saborosísimos.. Dá gusto ter uns veciños así. E nós, xa que estamos cerca, aproveitamos a ocasión.. 





 Que contentiña quedou a árbore no noso colexio. Está nun lugar privilexiado porque o merece, ese é o lugar dos nosos amigos e amigas. Graciñas!!



domingo, 3 de decembro de 2017

O BAR DA POESÍA

Estes días abrimos no noso colexio un bar moi especial: o Bar Fenomenal. E non é unha rima, é a realidade. Nel sérvense os mellores poemas que teñen o galego coma lingua orixinal ou traducidos a ela. 



O día 1 de decembro fomos ao Teatro Principal para recitarlle uns poemiñas  a tódalas persoas que foron a XXI edición da Festa da Poesía, Participaron neste acto diversos colectivos en homenaxe a Avelina Valladares, a poetisa estradense. Durante o evento tamén se fixo entrega do galardón dos premios que levan o seu nome. Este ano recaeu en María del Carmen Caramés Gorgal polo seu poemario As idades perdidas. 



A nosa intervención tiña como título Poemario antigo e actual do bar Fenomenal.



         Á nosa camareira, Uxía, chegoulle ao bar un cliente ao que non lle gustaba a poesía..











Pero ao final, despois de escoitar tódolos poemas.... ata rematou falando en verso!!

 Antes de baixar do escenario, a galardoada entregoulles e adicoulles o libro gañador do certame a cada un dos participantes.







 Graciñas a todo o alumnado e ás súas familias por colaborar nestas actividades! Cando vos apeteza tomar poesía de verdade, acercádevos ao noso bar!






martes, 28 de novembro de 2017

FESTA DA POESÍA

Estades convidados/as a participar con nós na Festa da Poesía, que terá lugar o vindeiro venres ás oito da tarde  no Teatro Principal.Vémonos alí!

 

venres, 24 de novembro de 2017

CONTEMPLANDO UNHA ESTRELA

Queridas familias do Ceip de Figueiroa:
Foi un pracer desfrutar con vós da homenaxe a Olimpio Arca Caldas o pasado mércores. Isto foi posible grazas á vosa colaboración e á dos vosos fillos e fillas, que se comportaron como auténticos profesionais. Espero que para eles fora unha actividade gratificante e da que poidan ter unha bonita lembranza .Moitas grazas e non vos esquezades de contemplar as estrelas.



Velaquí tendes as fotos da actuación. Sodes marabillosos/as: