Aínda resoan nos nosos oídos as pandereteiras que tocaron e bailaron no noso colexio para homenaxear as Letras Galegas. Dolores, María, Maruxa e Helena deleitáronnos coa súa arte, unha arte que nace das nosas raíces culturais máis profundas. E tan artistas son que foron quen de obter música ata dun aparello manual do agro: a sacha.
Como nós tamén somos artistas, convidámolas a elas tamén a que escoitaran as actuacións dos nenos e nenas que tocan algun instrumento. Así puidemos desfrutar da trompeta, da caixa..,,
Pero non houbo actuacións musicais soamente. Aproveitamos a ocasión para entregar diplomas de recoñecemento aos gañadores e gañadoras do XII Concurso de microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, con motivo dunha nova edición da Festa das Palabras, que terá lugar o 28 de maio no Teatro Principal ás oito da tarde. Tamén recibiu un agasallo a gañadora do concurso de booktrailer, organizado pola Biblioteca. Diversos recitadores e recitadoras leron algúns poemas e cantigas galegas.
Para rematar, cantamos e bailamos todos xuntos A saia da Carolina.
Que ben o pasamos! Unhas Letras grandes merecen tamén un gran recoñecemento e o noso foi feito cun sentimento profundo de amor e respecto cara a nosa lingua! Por moitos anos máis!