Páxinas

xoves, 12 de febreiro de 2026

Día de Rosalía

 


O Día de Rosalía achégase e nòs xa estamos preparando os pucheiros para satisfacer a fame literaria!

Como imos facelo? 

Necesitamos os ingredientes para preparar o Caldo de Gloria que tan ben describe Rosalía neste poema:

Miña casiña, meu lar.

Miña casiña, meu lar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Vin de Santiago a Padrón

cun chover que era arroiar,

descalciña de pé e perna,

sin comer nin almorzar.

Polo camiño atopaba

ricas cousas que mercar

i anque ganas tiña delas

non tiña para as pagar.

Nos mesóns arrecendía

a cousas de bon gustar,

mais o que non ten diñeiro

sin elas ten que pasar.

Fun chegando á miña casa

toda rendida de andar;

non tiña nela frangulla

con que poidera cear.

A vista se me varría

que era aquel moito aunar.

Fun á porta dun veciño

que tiña todo a fartar;

pedinlle unha pouca broa

e non ma quixo emprestar.

As bagullas me caían

que me fora a avergonzar.

Volvinme á miña casiña

alumada do luar;

rexistrei cada burato

para ver de algo atopar:

atopei fariña munda,

un puñiño a todo dar.

Vino no fondo da artesa,

púxenme a Dios alabar.

Quixen alcende-lo lume,

non tiña pau que queimar.

Funllo a pedir a unha vella,

tampouco mo quixo dar

si non era un toxo verde

para me facer rabiar.

Volvín triste coma a noite

a chorar que te chorar.

Collín un feixe de palla,

do meu leito o fun pillar.

Rexistrei polo cortello

mentras me puña a rezar

e vin uns garabulliños

e fieitos a Dios dar.

Meu San Antón milagroso,

xa tiven fogo no lar!

Arrimei o pote ó lume

con augua para quentar.

Mentras escaravellaba

na cinza, vin relumbrar

un ichavo da fertuna…

Miña Virxe do Pilar!

Correndiño, correndiño

o fun en sal a empregar.

Máis contenta que unhas páscoas

volvín a porta a pechar

e na miña horta pequena

unhas coles fun catar.

Con un pouco de unto vello

que o ben soupen aforrar

e ca fariñiña munda

xa tiña para cear.

Fixen un caldo de groria

que me soupo que la mar,

fixen un bolo do pote

que era cousa de envidiar.

Despois que o tiven comido,

volvín de novo a rezar

e despois que houben rezado

puxen a roupa a secar,

que non tiña fío enxoito

de haber tanto me mollar.

Nantramentras me secaba

púxenme logo a cantar

para que me oíran

en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Para iso imos contar cos manteis orixinais que nos facilita a Fundación Rosalía de Castro.

 Os nenos e nenas que asisten ao comedor xa van desfrutar deste caldiño tan agarimoso que tantas fames quitou  na Galicia rural de hai anos. Pero tanto os que van ao comedor coma os que non, van elaborar outro caldo que se vai cociñar na entrada do colexio. Os ingredientes que vai levar non son os do poema, pero aínda que non alimenten a barriga, si reconfortan o corazón. A pregunta é: Que ingredientes cres que debe levar un bo Caldo de Gloria? Cada neno/a escríbeo nun papel e despois bótao na pota que estará "fervendo" encima dun trespés tradicional, dos de antes. Cando todo estea "cociñado" faremos un sorteo entre tódolos participantes de libros de Rosalía. 

Se queres saber máis, pica neste enlace:   Preparación do Caldo de Gloria


ÍDEVOS PREPARANDO, QUE XA FALTA MENOS!