Páxinas

martes, 2 de xuño de 2026

CORRELINGUA

 Baixo o lema Co galego no corazón facemos revolución, o pasado venres, 25 de maio, saímos do Colexio para acompañar a outros centros educativos no percorrido que fixemos polas rúas da Estrada para berrar ben alto que queremos a nosa lingua!


Cando rematamos a andaina puidemos cantar e bailar ao son do grupo Sniff &Crash, que proceden de Vigo, a terra de Begoña Caamaño.

Estes foron algúns dos temas que escoitamos:






No colexio elaboramos dorsais que estaban relacionados co PDI Labregas e que facían alusión á importancia de sementar o galego para que agrome e non o deixemos morrer. 


Que viva moitos anos máis a lingua galega!




XIII FESTA DAS PALABRAS

 E o 27 de maio chegou o gran día:

a FESTA DAS PALABRAS!


Ás oito da tarde dou comezou a celebración da Festa das Palabras no Teatro Principal. Unha morea de nenos e nenas agardaban o momento máxico de subir ao escenario para recoller o seu agasallo: o libro no que se recollen os poemas e relatos gañadores do concurso literario que une a toda a comunidade educativa da Estrada.



Este ano a presentación do acto correu a cargo dunha alumna e un alumno do IES Avelina Valladares. 
O padriño foi Xosé Lueiro, polo seu importante papel como dinamizador da cultura e da lingua galega.



  A actuación musical correu a cargo de Gloria Pavía, que nos deleitou coa súa doce voz.






Antes da despedida, tódolos gañadores e gañadoras subiron de novo ao escenario para facer esta foto con todos eles e elas. 



Aquí tendes o vídeo da celebración:




Noraboa a  tod@s!



xoves, 28 de maio de 2026

FIGUEIROA LETRAS FEST


                               

      
 

Pois si, imos de festa en festa! No Figueiroa Letras Fest, ademais de  desfrutar da actuación de Manoele de Felisa, tivemos ocasión de felicitar aos gañadores e gañadoras do concurso de microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, que agrupa a tódolos centros educativos da Estrada. Fixemos unha entrega de diplomas para eles e tamén para os/as  finalistas:










Ata o vindeiro Figueiroa Letras Fest!









domingo, 10 de maio de 2026

BEGOÑA CAAMAÑO

 


Begoña Caamaño Rascado é a persoa homenaxeada este ano polas Letras Galegas. A súa vida e a súa obra literaria xiraron en torno ao feminismo, do que foi unha entusiasta activista. No colexio temos libros para achegarnos ao coñecemento da súa traxectoria e aquí tendes actividades que nos levarán a coñecela mellor e a entender o porqué desta merecida lembranza o 17 de maio.

Picade nestes enlaces para acceder á información:

Vida e obra

Actividades do Seminario Galán por cursos


Podedes ver estes  vídeos relacionados coa homenaxeada:

















FELICES LETRAS GALEGAS 2026!

 ÍMONOS EMBEGOÑAR NÓS TAMÉN!




martes, 17 de marzo de 2026

DÍA DAS ARTES GALEGAS

  



Se picades no enlace poderedes acceder a recursos para celebrar o Día das Artes Galegas, que se celebrará o 1 de abril e estará dedicado ao fotógrafo José Suárez.


 


Os recursos impresos están á vosa disposición na conserxería do colexio.

Gañadores e gañadoras do Concurso de Dinamizaestrada

 Un ano máis, e xa estamos na XIII edición, o colectivo Dinamizaestrada, no que están tódolos centros educativos da Estrada, puxo a andar este concurso literario para dar a coñecer a canteira de xóvenes escritores e escritoras que temos na nosa contorna.

O pasado 3 de marzo o xurado, composto polos coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, reuniuse no Ceip Pérez Viondi e  elixiu as obras gañadoras en cada modalidade e categoría.

No noso colexio, os poemas elexidos corresponden á autoría de Mara Rodríguez Rodríguez, Iago Porto Arís e Vera Payno Abalo. 

Os relatos gañadores son de Icía Cabaleiro Arca, Lara Calvelo Monteagudo e Julia Agra Martínez.

Todas estas obras estarán recollidos nun libro que se presentará o día da celebración da Festa das Palabras, que terá lugar no Teatro Principal no mes de maio. Xa iredes tendo cumprida información de todo o relativo a este evento tan importante no ámbito cultural estradense.




Noraboa a tod@s!


Rosalía de Castro vista por 1ºC

 Os nenos e nenas da aula de 1ºC homenaxearon a Rosalía de Castro a través do seu poema máis emblemático: Adiós ríos, adiós fontes. Neste vídeo podedes ver o proceso da súa elaboración. Escribiron, debuxaron, recitaron... Quedoulles precioso! Tamén participaron na elaboración do Caldo de Gloria botando no pote os seus ingredientes favoritos. Certamente, sabía de marabilla, pois a lingua galega sempre deixa bo sabor de boca!









venres, 27 de febreiro de 2026

ANO DE OTERO PEDRAYO

 




2026 será o Ano Otero Pedrayo. O Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional pola que dedicará o ano 2026 á figura do escritor, ensaísta, xeógrafo, político e profesor ourensán con motivo do seu 50º cabodano e do centenario da publicación da Guía de Galicia, unha das súas grandes obras.
Hai material fotocopiable na conserxería.

Picade neste enlace para acceder ao genially: https://view.genially.com/698257366182924ebbeefe1f


martes, 24 de febreiro de 2026


 Día de Rosalía no Teatro Principal

Onte asistimos á celebración do aniversario do nacemento da nosa escritora máis universal que se celebrou no Teatro Principal. Os poemas escollidos polo noso colexio foron Adiós ríos, adiós fontes e Miña casiña, meu lar, que recitaron nenos e nenas de 4º de EP.

Tódolos colexios da Estrada participamos nesta homenaxe chea de poesía e sentimento. Tamén puidemos ver en primicia o vídeo que, coma tódolos anos, elaboran dende o Concello con motivo desta efeméride. Desta vez os protagonistas foron os alumnos e alumnas das escolas infantís da Estrada.


 A poesía de Rosalía ten futuro!

Os alumnos do noso colexio recitando..

E o noso pote co caldo de gloria, que nos deixou moi bo sabor de boca.
Bo proveito literario!



xoves, 12 de febreiro de 2026

Día de Rosalía

 


O Día de Rosalía achégase e nòs xa estamos preparando os pucheiros para satisfacer a fame literaria!

Como imos facelo? 

Necesitamos os ingredientes para preparar o Caldo de Gloria que tan ben describe Rosalía neste poema:

Miña casiña, meu lar.

Miña casiña, meu lar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Vin de Santiago a Padrón

cun chover que era arroiar,

descalciña de pé e perna,

sin comer nin almorzar.

Polo camiño atopaba

ricas cousas que mercar

i anque ganas tiña delas

non tiña para as pagar.

Nos mesóns arrecendía

a cousas de bon gustar,

mais o que non ten diñeiro

sin elas ten que pasar.

Fun chegando á miña casa

toda rendida de andar;

non tiña nela frangulla

con que poidera cear.

A vista se me varría

que era aquel moito aunar.

Fun á porta dun veciño

que tiña todo a fartar;

pedinlle unha pouca broa

e non ma quixo emprestar.

As bagullas me caían

que me fora a avergonzar.

Volvinme á miña casiña

alumada do luar;

rexistrei cada burato

para ver de algo atopar:

atopei fariña munda,

un puñiño a todo dar.

Vino no fondo da artesa,

púxenme a Dios alabar.

Quixen alcende-lo lume,

non tiña pau que queimar.

Funllo a pedir a unha vella,

tampouco mo quixo dar

si non era un toxo verde

para me facer rabiar.

Volvín triste coma a noite

a chorar que te chorar.

Collín un feixe de palla,

do meu leito o fun pillar.

Rexistrei polo cortello

mentras me puña a rezar

e vin uns garabulliños

e fieitos a Dios dar.

Meu San Antón milagroso,

xa tiven fogo no lar!

Arrimei o pote ó lume

con augua para quentar.

Mentras escaravellaba

na cinza, vin relumbrar

un ichavo da fertuna…

Miña Virxe do Pilar!

Correndiño, correndiño

o fun en sal a empregar.

Máis contenta que unhas páscoas

volvín a porta a pechar

e na miña horta pequena

unhas coles fun catar.

Con un pouco de unto vello

que o ben soupen aforrar

e ca fariñiña munda

xa tiña para cear.

Fixen un caldo de groria

que me soupo que la mar,

fixen un bolo do pote

que era cousa de envidiar.

Despois que o tiven comido,

volvín de novo a rezar

e despois que houben rezado

puxen a roupa a secar,

que non tiña fío enxoito

de haber tanto me mollar.

Nantramentras me secaba

púxenme logo a cantar

para que me oíran

en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Para iso imos contar cos manteis orixinais que nos facilita a Fundación Rosalía de Castro.

 Os nenos e nenas que asisten ao comedor xa van desfrutar deste caldiño tan agarimoso que tantas fames quitou  na Galicia rural de hai anos. Pero tanto os que van ao comedor coma os que non, van elaborar outro caldo que se vai cociñar na entrada do colexio. Os ingredientes que vai levar non son os do poema, pero aínda que non alimenten a barriga, si alegran  o corazón. A pregunta é: Que ingredientes cres que debe levar un bo Caldo de Gloria para que nos reconforte o seu sabor? Cada neno/a escríbeo nun papel e despois bótao na pota que estará "fervendo" encima dun trespés tradicional, dos de antes. Cando todo estea "cociñado" faremos un sorteo entre tódolos participantes de libros de Rosalía. 

Se queres saber como se fai un caldo de verdade, pica neste enlace:   Preparación do Caldo de Gloria

Tamén ilustraremos, coma tódolos anos, un verso dun poema. Este ano, como non podía ser menos, empregaremos o que acabades de recitar, que vos será entregado o luns pola mañá. Será un verso por clase. Lembrade que podedes fotocopiar diversas actividades propostas para este día. Están na conserxería.

E á noite poderemos seguir festexando este día tan importante no Teatro Principal da Estrada, onde nenos e nenas de 4º de EP recitarán Adiós ríos, adiós fontes e Miña casiña, meu lar. Vémonos alí ás 8 da tarde.

Díptico biografía de Rosalía

Actividades para o Día de Rosalía

Feliz tempo de Rosalía









luns, 9 de febreiro de 2026

Bases Concurso literario de Dinamizaestrada

 XIII Concurso de microrrelatos e micropoemas

Centros educativos da Estrada_Dinamizaestrada

 Participación e prazos.

 Poden participar alumnos e alumnas dos centros educativos do concello da Estrada: CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CPR Plurilingüe N. S. de Lourdes, CEIP Plurilingüe de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Figueiroa, CEIP Manuel Villar Paramá, IES Avelina Valladares, IES Manuel García Barros e IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez. 

Os traballos entregaranse en formato A4 nun sobre con nome, apelidos e curso, nos centros respectivos. O prazo límite para entregar os textos rematará o 27 de febreiro de 2026. 

Modalidades

 Poderase participar nunha modalidade ou nas dúas que seguen, pero cada participante só poderá presentar un texto por cada unha delas. 

Categorías A: Educación Primaria A1: 1º e 2º A2: 3º e 4º A3: 5º e 6º B: Educación Secundaria B1: 1º e 2º ESO B2: 3º e 4º ESO, Ciclos Básicos C: Bacharelato, Ciclos Medios e Ciclos Superior.

 Premios

Un xurado, formado por un/unha representante dos Equipos de Dinamización Lingüística dos diferentes centros, concederá un premio por modalidade, categoría e centro. Valorarase a creatividade, a orixinalidade e calidade lingüística e literaria. Os traballos premiados poderán ser publicados pola entidade organizadora e poderán publicarse tamén nas páxinas web dos centros e nas revistas escolares.

  Microrrelatos O texto presentado debe estar en galego e non conter máis de 100 palabras, para calquera das categorías. A temática será libre, pero debe aparecer necesariamente a palabra AZUL.

 Micropoemas O texto presentado debe estar en galego e constar dun mínimo de dous versos e máximo de oito na categoría de Primaria, e un mínimo de catro e máximo de oito versos no resto das categorías. A temática será libre, pero debe aparecer necesariamente a palabra NOITE.

venres, 28 de novembro de 2025

PRESENTACIÓN DO NOVO LIBRO DE XOSÉ LUNA

 O vindeiro luns, 1 de decembro, terá lugar no Mome a presentación do libro OBRA POÉTICA, Avelina Valladares Núñez,  do noso veciño Xosé Luna Sanmartín. Colaborarán o Ceip O Foxo e o IES Avelina Valladares no recitado de poemas.Vémonos alí ás 20:00 horas!


luns, 24 de novembro de 2025

Día da Poesía

 O vindeiro xoves 27 de novembro ás 20:00 horas terá lugar no Teatro Principal o Día da Poesía. O noso colexio participará coa recitación de dous poemas por parte de diverso alumnado de Educación Primaria. A entrada é libre.




VIII Mostra de teatro escolar Olimpio Arca Caldas

 


Este  martes vémonos no Teatro Principal ás 18:30 horas para asistir a unha nova edición do certame. Levamos varias semanas traballando na nosa obra Parto da terra. Esperamos vervos alí! A entrada é libre e poden asistir tódalas persoas que o desexen. Vivamos o teatro!

martes, 7 de outubro de 2025

Fala fala falangueira

 

Hoxe recibimos unha carta ben bonita de Matrioshka Teatro. É unha invitación para asistir ao espectáculo escénico que terá lugar no Teatro Principal o sábado 11 de outubro ás 12:30 horas. Vémonos alí!


SINOPSE

O mundo das palabras amosado por dúas actrices que exploran como foron transmitidas de xeración en xeración, de Matrioshka a Matrioshka, que se moven entre a luz da memoria e do esquecemento, unhas usadas dende hai séculos, outras xa esquecidas, e outras recén estreadas, configurando momentos de diversión e reflexión, creando combinacións que abren as portas da curiosidade sobre a historia da nosa lingua entre o público familiar e infantil a partir de 7 anos.

Fala fala falangueira é un espectáculo que nace do amor e respecto á nosa lingua galega.

FICHA ARTÍSTICA

  • Dirección e dramaturxia: Gena Baamonde.
  • Intérpretes: Chelo do Rejo e Anabell Gago.
  • Textos: Gena BaamondeChelo do Rejo e Anabell Gago.
  • Revisión lingüística: Ana Castro.
  • Deseño de vestiario e escenografía: Gena Baamonde.
  • Máscara: Lorena Conde.
  • Música: Mónica de Nut & Luís MartínsVirxilio da SilvaEster García.
  • Audios: GalekuPablo ChichasElba LozanoNucha LorenzoJesús PortasMara Señoráns e Mª Teresa Fernández.
  • Iluminación: Octavio Mas.
  • Deseño gráfico: Alba Aller.
  • Fotografía e vídeo promocional: Masako Hattori.




SEMENTANDO LINGUA

 Con este título tan ligado á terra  galega e á nosa lingua, damos comezo ás actividades propostas polo EDLG para este curso 2025-26. Partimos do PDI Labregas, que fai alusión ao nomeamento da ONU como Ano da Agricultora.

Dende o inicio dos tempos, o papel da muller en tódolos ámbitos pero especialmente no rural, foi decisivo para o avance da humanidade. Por iso, tamén dende o noso colexio, queremos participar nesta homenaxe á muller galega, que foi pedra angular da sociedade que somos hoxe. Unha gran parte das actividades irán destinadas a que a comunidade educativa e valore o traballo e a valentía da muller rural.

Comezamos, pois...




venres, 13 de xuño de 2025

ILUSTRACIÓNS DE CASTELAO POR PARTE DE 2ºB

 Neste ano tan especial no que conmemoramos a data do seu pasamento, os nenos e nenas de 2ºB  do noso colexio quixeron renderlle esta homenaxe tan bonita. Aquí está o Cousas tan particular deste alumnado:



















Que ilustracións tan ben feitas! Parabéns a tod@s!



venres, 30 de maio de 2025

CELEBRACIÓN DA FESTA DAS PALABRAS

 Aínda resoan nos nosos oídos os cantares e tocares de o Reguereiño de Lamas na Festa das Palabras!




A madriña da festa, Susana Sanches Aríns, animou a esta magnífica canteira de creadores e creadoras literarios a que sigan escribindo en lingua galega.



Os presentadores, antigos alumnos do noso colexio, fixeron un estupendo traballo e fóronnos guiando con xeito e agarimo por esta celebración. 

As encargadas de entregar os agasallos por parte do noso colexio foron as mestras Montse Uzal e Goretti López.


Un ano máis, os gañadores e gañadoras do concurso de Microrrelatos e micropoemas que organiza Dinamizaestrada, subiron ao escenario do Teatro Principal para recoller o seu agasallo: un caravel branco e o libro cos textos elexidos polo xurado de Dinamizaestrada.



Moitas grazas a tod@s pola vosa colaboración e parabéns !

luns, 26 de maio de 2025

FESTA DAS PALABRAS

 




A festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA.  No seu nome, Mónica Mato, coordinadora do EDLG do IES Avelina Valladares e María López, coordinadora do EDLG do IES  Manuel García Barros achegaron os obxectivos  e os detalles da festa. O acto tivo como anfitrioa á concelleira de educación, Amalia Goldar, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade.




A escritora e profesora Susana Sanches Arins será a madriña desta duodécima edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo mércores, 28 de maio.

A parte musical estará a cargo do grupo de música tradicional e popular O REGUEIRIÑO DE LAMAS.

Dará comezo ás 20:00 horas no Teatro Principal.  Os gañadores e gañadoras deberán presentarse 15 minutos antes para reservar unha butaca nas primeiras filas.  Poderán estar acompañados/as das súas familias, aínda que estas deberán situarse nas filas anteriores.

A entrada é libre.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.

Os debuxos feitos polo alumnado de Educación Infantil estarán expostos na entrada do Teatro.


VÉMONOS NESTA GRAN FESTA DA LINGUA GALEGA!
 

mércores, 21 de maio de 2025

CORRELINGUA

 Hoxe tivemos o Correlingua. Parecía que a chuvia ía afear esta carreira pola Estrada pero finalmente non o fixo. Ao ser mércores, as rúas estaban ateigadas de persoas que ían ao mercado semanal. Despois de xuntarnos na Praza do Concello comezamos a andaina. Os alumnos de 6º de EP como son os maiores, levaron a nosa súper pancarta de Rosalía e Castelao. Seguro que se nos puideran ver habían de estar ben contentos do bonita que quedou! Todos e todas levamos uns dorsais relacionados con esta mesma pancarta e co lema do Correlingua: A mocidade activa por unha lingua viva.

Ao rematar volvemos a xuntarnos na Praza do Concello para cantar e bailar co grupo Pauliña. Tamén recibimos un diploma acreditativo da nosa participación nesta celebración á que levamos asistindo dende hai moitos anos. Pasámolo moi ben! Ata o vindeiro curso!








Que os nosos pasos nos leven ata  o galego!