O Día de Rosalía estase achegando e van aparecendo propostas para honrar á nosa escritora máis universal. A Deputación de Pontevedra ofrécenos partipar neste concurso de debuxo. Tendes que empregar as plantillas que figuran abaixo. Animádevos!😉
Cada ano o 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, a escritora galega máis representativa da nosa literatura, en permanente actualidade e cuxa obra transcende as fronteiras universais.
Desde a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo, poñemos en marcha o concurso creativo de debuxo infantil A Nosa Rosalía.
Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de Educación Primaria da provincia de Pontevedra, que poderán participar, de maneira individual, elaborando un debuxo inspirado na personaxe, vida ou obra de Rosalía de Castro.
Para iso dispoñerán dun documento modelo, que se poderá descargar na páxina web da Deputación: www.depo.gal, no que realizarán o debuxo e incluirán os seus datos.
Unha vez finalizado, entregaranllo á súa mestra ou mestre ou á Dirección do centro para que llo remitan escaneado a cor ao correo electrónico: anosarosalia@depo.gal
Categorías nas que poderán participar:
- Categoría "Campaniñas": 1.º, 2.º e 3.º de Primaria (de 6 a 9 anos)
- Categoría "Airiños": 4.º, 5.º e 6.º de Primaria (de 9 a 12 anos)
Data límite para o envío dos debuxos: 19 de febreiro de 2021
Cantas máis alumnas e alumnos da aula ou do centro participen, máis posibilidades de recompensa haberá para o grupo, xa que, ademais dun pequeno agasallo didáctico para os debuxos seleccionados e centros participantes, os mellores debuxos de cada categoría, que serán anunciados o día 24 de febreiro, conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de Polo Correo do Vento. Esta actividade realizarase no propio centro nunha data que se deberá convir coa Dirección deste, dentro do curso e horario escolar.
Os debuxos participantes e o nome do alumnado premiado poderán difundirse a través das canles da Deputación de Pontevedra.
E, para comezar a liberar a imaxinación, aquí vai un belisco dun dos seus Cantares...:
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!